Stardust Gaiman¿Qué nos agardará a estrea de películas desta fin de semana? Xa sabedes que non solemos falar moito (mal feito pola nosa parte) das estreas cinematográficas ou de peliculas e series que se baseen en obras de Banda Deseñada. E poñendonos no caso que nos ocupa teño que recoñecer que eu non teño a sabedoría necesaria e os coñecementos de Faerie (o mundo das Fadas) que posúe a miña compañeira Fátima que, de seguro, falaría con pelos e sinais do tema porque me consta que estivo alí (de feito creo que é medio humana medio elfo). Pero non por descoñecer o tema vou a deixar de falar da adaptación á pantalla dunhas das mellores obras que deu a BD dos anos 90, Stardust.

Esta foi concebida a modo de novela gráfica polo meu escritor de cómic favorito, Neil Gaiman que tivo, para esta ocasión, a Charles Vess como compañeiro de lápices. Un Vess que nos deleita cunha visión de Faerie sinxelamente impresionante, cunha perfecta armonía entre liñas, cores, espazos, deseño das personaxes… que máis que ilustrar reflicten soños, quimeras, amores, sensualidade, medo, mentiras… cun toque liviano e suxerente que fai que máis que sintas a obra. Cunhas ilustracións que levan consigo esa poesía, maxia e fantasía inherentes ao reino de Faerie. Un extraordinario aporte visual que, sen dúbida, será moi dificil de levar a pantalla, a pesares de ser rodada en bosques tan idílicos como os de Gran Bretaña e en varias illas de Islandia.

Ainda que por estrelas que non sexan, e non me refiro a estrela caída do ceo que protagoniza a historia, senón ao plantel que participa na película. Peter O’Toole, Michelle Pfeiffer, Robert De Niro e Ian McKellen son só algúns dos protagonistas da historia de Tristán. Un mozo que para conquistar o amor dunha dama, decide arriscar a súa propia vida indo en busca dunha estrela caída en Faerie, tendo que sair do mundo dos mortais de Muro para adentrarse no mundo das fadas. O que non sabe Tristán é que esa viaxe vaille ofrecer máis dunha sorpresa, entre elas: Descubrirá a súa verdadeira procedencia e verase envolto en mil e un perigos. A estrela é ansiada por mais dunha persoa. De feito uniránse á súa Odisea o pirata Shakespeare, os catro fillos do rei e as pantasmas dos seus tres irmáns mortos, a malvada bruxa Lamia e o comerciante Ferdy the Fence que poñerán bastantes trabas a Tristán para conseguir o obxectivo desexado. Ainda que todo o mundo sabe que despois de estar en Faerie, as tuas prioridades cambian, os teus desexos volvénse contra ti, a tua realidade vólvese irreal…

Iván Serrano
Gaimanadicto

 Se vedes a película (tedes o trailer abaixo) contádenos se merece a pena o seguimos recurrendo ao papel.