hombre feliz seijasUn home feliz / Antonio Seijas. — Santiago de Compostela : Lea, 2007

Cátologo web das Bibliotecas Municipais da Coruña

Unha coincidencia?, unha mirada?, un libro de André Bretón?… Acaso “pode vostede dicir cal foi o encontro capital da súa vida?, Ata que punto ese encontro lle deu, lle da a impresión de ser fortuíto ou necesario?”. Tal vez eses encontros sexan froitos do destino, ou sinxelamente un encontro é especial polas características especiais que, interiormente, sofrimos nese mesmo intre. Tamén pode ser que nós queiramos que ese encontro sexa especial, aínda que pensemos todo o contrario, aínda que fagamos todo o posible para que non o sexa. Porque non hai regras, todo cambia, minguamos, facemos cousas que non cremos, que non queremos, que non necesitamos cando nos deixamos levar pola nosa inconsciencia.

Non podemos controlar esa angustia, ese libro que o protagonista da nosa historia cede de maneira desinteresada a Marta, ese “amor tolo” que, como dicía o propio Bretón, non está suxeito aos límites da racionalidade porque é unha experiencia mística e liberadora do home.

É imposible tentar controlar os nosos impulsos, as nosas emocións…, así como facer todo o contrario, (deixarnos levar polo noso subconsciente, alzarnos por encima do noso eu, chegar ao elo e anular ao supereu) cando soamentes “buscamos encher o baleiro da nosa individualidade e por un momento gozamos da ilusión de estar completos. Máis só é unha ilusión: o amor une e despois divide”.

O amor une, porque todos precisamos sentirnos amados, todos queremos o noso amor sexa tan real como o recordo das nosas fotos, que non se deteriore…, pero que pasaría se non fose o deterioro da relación o que fixera que o amor non perdurase?. Que nos pode pasar para que o exiliemos “A xente foxe para exiliarse a outros paises… supoño que alí atopan a súa paz. Pero, cara a onde debo fuxir cando quero escapar de min mesmo.”, para facer o noso amor cobarde, querer con todas as nosas forzas que desapareza… que nos pode pasar para que o amor divida.

Os protagonistas desta historia están divididos por un estrano soliloquio baseado na inutilidade das palabras, nos segredos e nun amor que (seguindo con Bretón) destrúe o “ouro do tempo”; ese mundo extraordinario, marabilloso, na plenitude da imaxinación, da felicidade, da creatividade que é a antítese da culpalidade do noso personaxe. Unha culpabilidade que “lle queima por dentro” e coa que decide “buscar un perdón que non chegará, non así, non dese xeito…”, unha culpabilidade que elimina de raiz a “Nadja” (o principio en ruso da palabra esperanza). Esperanza de volver do seu propio exilio, esperanza de ver trala careta da súa veciña, esperanza de perder algún día ao xogo de citas que ten co libreiro, esperanza de poder amar como a ela a amou.

Iván Serrano
Dende Bretonia

Anuncios