Dentro das actividades relacionadas coa exposición Acción #1 Polaqia, Nin9 e Sr. X —que continúa ata finais deste mes—, desenvolverase unha mesa redonda sobre a traxectoria do colectivo Polaqia. Será o vindeiro xoves, 7 de xullo, ás 20:00 h, no propio Espazo Normal da Universidade da Coruña (Paseo de Ronda 47, 15011 A Coruña).

Na mesa redonda intervirán Bernal Prieto (un dos fundadores de Polaqia), Brais Rodríguez (membro veterano) e José Domingo (en representación das últimas fornadas incorporadas ao colectivo); desta forma, as tres visións darán «unha panorámica o máis completa posible do que foron estes dez anos de actividade de Polaqia». Moderará o coloquio Henrique Torreiro, promotor e divulgador da BD, coordinador durante vinte anos das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense.