Cartel de Viñetas desde o Atlántico 2011Pouco a pouco o Festival de Banda Deseñada Viñetas desde o Atlántico 2011 vai desvelando o seu cartel. A falta de exposicións paralelas e do horario de actividades, o evento anuncia que contará cunha mostra de orixinais da Valentina, de Guido Crepax. A exposición está comisariada polo seu fillo Antonio Crepax, que asistirá ao festival acompañado de Luisa, muller de Crepax e modelo para Valentina. 

O Festival contará ademais cunha exposición sobre os piratas na banda deseñada, no Aquarium Finisterrae, a cargo de Toni Guiral e coa exposición dos dous últimos premios Castelao de Cómic: A man do diaño de Brais Rodríguez e Titoán de Iván Suárez e Ignacio Vilariño. Os orixinais dos premios Castelao poderán verse na Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga.

Un dos últimos autores convidados que anunciou Viñetas é o historietista mallorquín Pere Joan. Joan participará nunha charla-coloquio e tamén en diferentes sesións de firmas. É o autor do guión de Duelo de caracoles, ilustrado por Sonia Pulido, e da adaptación ao cómic da novela Nocilla Experience, de Agustín Fernández Mallo. En Viñetas poderemos disfrutar cunha exposición monográfica que fai un repaso a sua obra.

E ata o momento isto é todo o que vos podemos contar sobre a programación do Festival. En tres semanas verémonos en Viñetas desde o Atlántico 2011: nas exposicións, nas charlas, nas sesións de firmas ou na feira…!!!

Actualización: e é que temos convidada nova ao Festival. Neste caso, trátase de Teresa Valero, creadora dos guións de Brujeando e Curiosity Shop. Seguiremos atentos…

Anuncios