Os fondos das bibliotecas son (e deben ser) un fiel reflexo da sociedade e moi especialmente das comunidades ás que prestan servizo de proximidade. Como bibliotecas e bibliotecarios, debemos ser partícipes, e mesmo impulsores, dos procesos de erradicación de toda manifestación excluínte, optando sempre por unha vía integradora da diversidade.

Calquera persoa que se achegue a unha biblioteca pública buscando información sobre o feito homosexual, bisexual e transexual require de nós unha resposta eficiente. Esta resposta debe traducirse nunha integración total de materiais que toquen a temática LGTB nas nosas estanterías e, ademais, no ciberespazo.

É por isto último que durante o mes de xuño, e con motivo da celebración do día do Orgullo LGTB, apoiando a mostra presencial Entendes? que podese consultar na Biblioteca Municipal Castrillón, preparamos unha escolma de música, cine, literatura, etc., accesibles dende Internet para contribuír e apoiar á comunidade LGTB na súa loita polo respecto.

Fancómic, pola súa parte e como membro activo das Bibliotecas Municipais da Coruña, adicará unha serie de posts  vencellados a esta temática durante este mes de xuño.

Anuncios