Este sábado 17 de novembro ás 19:30h. na Biblioteca Forum Metropolitano presentarase o sexto e último número do Fanzine.

A publicación afronta a súa despedida cun volume de nada menos que de 266 páxinas de Banda Deseñada, entrevistas e outros contidos a un prezo de 5 euros. Autores habituais como David Braña ou David Buceta alternan con outros como Triguero, Garrido Barroso, Corroto, Aurelio Moreno, Isaac Amboage, Jaime Collado e colaboracións especiais como a El Torres ou Manel Craneo. Entre estas páxinas, pódense atopar entrevistas a Alan Grant, Mike Allred ou Paco Roca, Premio Nacional do Cómic en 2008.

Segundo explica Braña, o peche débese fundamentalmente á falta de tempo dos promotores para continuar coa iniciativa e non por problemas económicos. O guionista afincado en Vigo advirte que os promotores do fanzine preparan novos proxectos conxuntos.

Sinónimos de Lucro converteuse, nos últimos dous anos, nun dos referentes do cómic underground galego e unha verdadeira canteira de ilustradores en Galicia.