Comiqueiros… collede a última novidade de cómic da vosa biblioteca municipal máis cercana e achegádevos con el ao Obelisco ás 19 horas deste martes 23 porque, xuntos, imos volver facer historia!

Volve a quedada lectora que xa fixemos outros anos e este ano queremos arrasar aínda máis! Durante uns minutos leremos todos xuntos, en voz alta e de forma simultánea, unha revista, un libro, un cómic… o que sexa! O caso é ler á vez e que nos escoiten ben alto reivindicando o poder da lectura.

Pero non será o único que fagamos para celebrar o DÍA DO LIBRO. Nooooo 😛

As Municipais tamén no aeroporto
As Municipais tamén no aeroporto

Empezamos hoxe mesmo, venres 19, co xa clásico Consultorio de lectura. Se notas que o que estás a ler non ten os efectos que buscabas non te cortes en pasar pola nosa caseta, nos Xardíns Méndez Núñez, e buscar asesoramento: temos especialistas en cómic que che farán as probas necesarias para acertar co seu diagnóstico e paliar os teus síntomas.

A celebración rematará o martes 23, pero rematará ao grande:

  • teremos un photocall para os atrevidos que queiran facerse unha foto e despois descargala da nosa web
  • unha solta de globos con mensaxes: elixe a que máis che guste, ou crea unha propia, e solta o teu
  • visitas guiadas ás mostras que prepararon os compañeiros das dúas bibliotecas especializadas: a Infantil e Xuvenil, cunha mostra chamada 22 anos compartindo lecturas, arredor dos tesouros da literatura infantil e xuvenil para conmemorar o seu 22 aniversario; e a de Estudos Locais, chamada Asómate á túa cidade, que fai un repaso pola historia da Coruña nas publicacións.

Se non podedes asistir porque nestes días vos marchades de viaxe tamén estades de sorte porque estaremos no aeroporto e nas estacións de buses e de trens repartindo libros!!

Podedes aproveitar tamén para botarlle un ollo a esta wiki na que temos unha selección de películas e libros con tramas que transcurren na Coruña. Se coñeces algún cómic que non apareza, anótao!