Hoxe é o gran día: non vos olvidedes de coller a última novidade de cómic da vosa biblioteca municipal máis cercana e achegádevos con el ao Obelisco ás 19 horas.  Volve a quedada lectora que xa fixemos outros anos. Durante uns minutos leremos todos xuntos, en voz alta e de forma simultánea, unha revista, un libro, un cómic… o que sexa! O caso é ler á vez e que nos escoiten ben alto reivindicando o poder da lectura.

E dende as Bibliotecas queríamos recomendarvos algúns títulos para este 23 de abril, pero xa se nos adiantaron!!! Jesús Jiménez, no seu blog Viñetas y bocadillos, recomenda o que son para el “Los mejores cómics para el día del libro” 2013.  Doce títulos a ter moi en conta para incorporar á colección das nosas bibliotecas. ¿Cales vos parecen mais apetecibles?

Na web infolibre tamén engaden “10 cómics para el Día del libro“, algúns xa dispoñibles nas nosas comictecas.

De entre as nosas últimas adquisicións, poderíamos citar como altamente recomendables:

  1. Miércoles, de Juan Berrio. Unha lectura deliciosa, como todas as de Juan Berrio, na que, cunha apariencia sinxela, narra o discorrer dun día na vida duns cantos veciños e paseantes. E digo de apariencia sinxela, porque en realidade é un traballo minucioso e delicado onde as historias das personaxes están perfectamente cruzadas e os círculos pechados ao rematar o libro. En 2012 gañou a V Edición do Premio Internacional de Novela Gráfica Fnac-Sins Entido.
  2. Los archivos de Superman en Action Comics, de Jerry Siegel e Joe Shuster. Con este cómic descubrimos as orixes de Superman. E que mellor maneira de festexar o 75 aniversario do primeiro superheroe da historia que levándoo en préstamo para casa!
  3. Ardalén, de Miguelanxo Prado. Relato sobre os recordos e a memoria, acaba de acadar o premio do Saló á Mellor obra de autor español publicada en España en 2012. Pouco mais podemos dicir que recomendar a súa lectura para poder disfrutar do seu realimo máxico, a súa poética, o seu universo de ensoñación…
  4. Marzi: la Polonia comunista vista por una niña (2 vol.), de  Sylvain Savoia e Marzena Sowa. Marzena relata a súa infancia na Polonia comunista, co debuxo tenro e persoal de Sylvain. Para saber mais, podemos visionar una serie de vídeos sobre a obra (en francés).
  5. Castilla Drive, de Anthony Pastor. Novela negra de detectives  recoñecida co Premio ao Mellor Polar que acaba de gañar no Festival International da BD de Angoulême 2013.
  6. Autobiografía (4 vol.), de Shigeru Mizuki. Na súa autobiografía, Mizuki narra dende a súa infancia ata a actualidade (que completará nun sexto volume). E trátase dunha vida apaixonante na que perder un brazo na Segunda Guerra Mundial no lle impediu converterse nun dos autores de manga mais recoñecidos non só en Xapón, senón a nivel internacional.

Dende logo, é ben difícil escoller entre tanto bo cómic… Sexa cal sexa a vosa elección, esperamos vermos no Obelisco para compartir as vosas lecturas.

Anuncios