Na semana das Letras Galegas gustaríame rendir o meu particular homenaxe a un prolífico autor galego de banda deseñada, Jacobo Fernandez Serrano.

jacobo fernandezDebuxante, escritor, comiqueiro e pintor, tal e como el se define, conta cunha ampla produción para nenos, para adultos e primeiros lectores, así como célebres colaboracións en revistas  como GolfiñoBD Banda, Dos Veces Breve, ou Retranca. No apartado dos premios acadou o Premio Castelao da Deputación da Coruña coa obra As Aventuras de Cacauequi no 2007. Foi candidato aos premios do Saló de Barcelona de 2009 como autor revelación grazas a dúas obras, os álbumes de Archimboldo Roque e As Aventuras de Cacauequi. E Mil Cousas Poden Pasar foi galardonada co premio Merlín de literatura infantil no ano 2009.

Los amigos de Archimboldo Roque

De entre todos os seus libros hai un que me conquistou especialmente: Os Amigos de Archimboldo Roque. Trátase dun album que recopila as diferentes entregas que foron aparecendo na Revista Golfiño durante os anos 2002-2003, nas que o seu protagonista, un rinoceronte unicornio branco con cara de boa xente, nos presenta aos seus fabulosos amigos.  Archimboldo, que con ese nome rimbombante por forza ten cousas interesantes que contar, nunca fala de sí mesmo, senón que nos introduce nun mundo de fantasía desbordante, orixinalidade e delicioso surrealismo de man de seres tan marabillosos como os ratos xemelgos, a árbore Manmaceira, Criaturo, a serpe Fisia, a Pepereira, o Miraceos, o ourizo acupuntor Lambert S., o bañista Caetano, os tapadiños, o ermitán Everdinguén, a pompa fúnebre, Tadeuz, o hiperhome…  Moitos e diversos son os amigos de Arquimboldo, a cal máis encantador, todos eles descritos con humor e retranca partes iguais. Na miña opinión son todo un canto á diversidade e á diferenza:  “Na terra hai moita xente e cada un é cada un”, así comezan os relatos, toda unha declaración de intencións (que dende que a lin pasou a ser a miña frase favorita) que serve de fío conductor das historias, dándolle valor ao respeto pola singularidade.

Cunha voz poética moi personal, esta obra é de disfrute obrigado; está cargada de humor e filosofía e no plano visual caracterízase polas cores vivas e intensas, trazos simples e unha omnipresente atmósfera onírica onde todo pode ser posible.

Aínda que está destinado aos máis pequenos (a priori) fago miña unha frase do propio Jacobo na que propón “non marxinar aos adultos desta maneira, que eles tamén teñen dereito a entreterse e a divertirse, como o todo o mundo“. Así que mergulládevos sen vergoña neste album fantástico!

Déixovos, ata a próxima, con algúns dos títulos firmados por Jacobo Fernández que podedes atopar nas estanterías das Bibliotecas Municipais. Deica!

Anuncios