Textos de varios tipos / Antonio Blanco. -- Lugo : Tris Tram, D.L. 2001O texto que se reproduce a continuación é o Limiar de Eduardo Galán, Suso Iglesias e Pepe Coira para o libro Textos de varios tipos de Antonio Blanco, editado no 2001 pola editorial Tris Tram. O libro está dispoñible nas Bibliotecas Municipais da Coruña.

Antonio, the only one, é unico pero tamén é moitos. Antonio, en realidade, somos todos, tódolos que formamos o corpus dunha xeración que non foi a do 68 pero que viviu contradictoriamente das súas herdanzas. Non sabemos se tal aseveración lle gustaría a Toñito – practicamente ninguén o chamaba Antonio, exceptuando un dos que isto escribe- porque falamos dun pequeno nihilista, un eterno neno individualista que non quería ser o que eran os demais. Claro que tamén -non era parvo- sabía recoñecer as chaves da súa formación, do seu mundo…

¿Que chaves?…Pois a televisión de finais dos sesenta e dos setenta como única escola interesante; centos de horas da infancia perdidas diante do televisor. Tamén o cine como referencia alucinatoria da realidade imposible. E o rockanrol, como complemento-revulsivo da España da Eurovisión. Importantísimos os cómics, porque se namoraba dos heroes e heroínas de papel, que tiñan físicos que non existían na realidade da carne. E, last but not least, o humor, surreal, cínico, infantil,… o malhumor que as poucas veces que lle saía tiña a mesma intensidade que a súa cara rebentada por aquel sorriso entre papanatas e intelixente. Un humor-malhumor que un día llo definimos semellante ó de Walter Matthau, un dos seus heroes… e foi feliz con tal comparación. En fin, que podía ser rosmón e adorable, pero case sempre brillante. O seu humor-malhumor como xeito de ve-las corusas. ¡Ah! non esquezamos as drogas, porque era moi débil para aguantar o choque directo coa parte do mundo real que non lle gustaba e que non podía anular cos outros substitutivos dos que falamos neste parágrafo. En fin, nel primaba sempre a escola do doutor Feelgod… Unha vez díxonos xunto ó garaxe das unidades móbiles da TVG -un dos seus refuxios favoritos. que todo, absolutamente todo, menos sufrir…

Fotografía de Toñito Blanco

Antonio era-é un cóctel explosivo, feito de cultura popular e clásica, cabeza quente en perpetua actividade, axitador cultura capaz de mover mesmo ós máis reticentes, home-slogan incansable, un coñecedor dos medios que sabía da importancia de insistir neles, machaconamente, coas mesmas teimas, ata a saciedade.

Estudiou xornalismo en Pamplona, boa escola para boa xente, onde era máis divertido ser un garavanzo negro e onde esqueceu tantas cousas coma cousas que lle aprenderon…De volta en Galicia, desde mediados dos oitenta, traballou coa nova prensa emerxente. Fixo de actor e guionista nunha desmadrada e lendaria serie de TVE en Galicia de emblemático título: Composteláns. Tamén escribiu dos seus asuntos contraculturais no efémero pero histórico Diario de Galicia. Xa na TVG fixo todo tipo de colaboracións alternativas, en A Tumba aberta, falando de cómics diante dun croma que lle permitía xuntarse fisicamente coas súas heroínas das historietas… Lembramos para sempre o seu floco postpunk incrustado nas viñetas electrónicas.

Logo viñeron trasnadas con forma de guión para Gracias pola galega ou Etcétera Montaxes do home viril, a muller vamp, ou como vivir sen traballar segundo a fantasía de Hollywood… e tamén o longo período -catro anos- no departamento de autopromocións de TVG… Nesa época, e más sobranceira en cantidade e creatividade, fixo centos de promocións co chamado estilo Toñito -diabólicos puzzles para desesperación dos mesturadores de son na postproducción- das que tedes boa mostra máis adiante, nunha escolma de textos que seguramente servirán para facervos unha idea. Alí, no infraxénero das promocións, xuntábnanse as súas teimas favoritas: as frases e os iconos do mundo mítico que mamou de neno e adolescente, estoupando en combinado máis ou menos libre. Era algo que o facía feliz: manipular a pracer ós seus heroes John Wayne, Lee Marvin, Batman, Mike Hammer, John Ford… Algunhas desas autopromocións son xoias da videoteca da TVG. A do ciclo John Wayne interpretada por John Balan, a do ciclo de cine de terror con Vladimir, o vampiro autóctono de Pontevedra, as dos Intocables, a de Mike Hammer…

Entrementres Toñito, libre coma un paxaro, neno ávido consumidor -que quedaba sen cartos a día 10, sableando a desra e sinistra para ve-la fin dun mes que nunca chegaba-, viaxaba nas fins de semana a tódalas partes da xeografía española para mercar o foguete -en perfecta e marabillosa escala- do Obxectivo á lúa de Tintín, ou para coñecer a outros freaks como Santiago Segura. Nun destes periplos, Jordi Costa encargoulle un libro sobre as series de televisión da súa vida que el se apresurou a redactar como quen lembra unha historia familiar… Tamén en 1993 escribiu e codirixiu con Ricardo LLovo a célebre Matanza Caníbal de los garrulos lisérgicos, un rebumbio absoluto que o define como autor. É un intelixente fusile-homenaxe das súas películas de terror favoritas –Matanza de Texas, 10000 Maníacos, Motel Hell– con referencias á Galicia máis profunda de Paulino de Chantada e a eurotaxa, unha colaboración coa súa parella artística máis fie; o logo recoñecido Manuel Manquiña… Unha película, por certo, mencionada polo ministro Rubalcaba despois da morte de Toñito, unha película que o político, claro está, non chegou a ver. Antonio sería feliz se chega a escoitar as palabras do ministro, desde logo.

Tamén tivo tempo, nos seus últimos dous anos máis creativos, de escribir e ver representado o diálogo-monólogo, de corte Lenny Bruce, Solos, perdidos y viciosos, e a versión musical, estilo Rocky Horror Picture show, de Os garrulos lixérxicos (A matanza dos Seixas, producida polo grupo Artello)… as dúas con Manquiña e Juanillo… Quedaron só bosquexados outros proxectos: Unha serie de terror para TV, cruce de Historias extraordinarias e Dimensión descoñecida, outra serie de trece episodios recreando os xéneros clásicos, e tamén unha curtametraxe protagonizada por John Balan, para el un símbolo das cousas que lle gustaban -o humor misérrimo e surreal, John Wayne, a Galicia máis desquiciada e cutre- que seguramente se adiantaría á época dourada dos Torrentes, Justinos, Atilanos, e outros heroes casposos de efémera pero substanciosa fama. Porque a Antonio o que realmente lle gustaba, por definición, era a serie B…

Imos contar unha anécdota, digna precisamente dun personaxe de serie B tipo Ed Wood: Antonio tiña no seu piso, cheo de cómics, de exóticas e malas gravacións en VHS das cousas máis raras do mundo, de xoguetes, gadgets, camisetas do doutor Spock, fanzines, revistas e moitas cousas inútiles que só gardaría un neno coma el…pois iso, no seu piso, tiña un acuario -as veces sustituído por unha caixa- onde gardaba, nun caos digno da súa personalidade, anacos de papel, como rifas dunha tómbola imposible, que tiñan escritas as citas que lle gustaban, aquelas que lía ou escoitaba e que logo, nunha especie de sortilexio, recataba para escribir calquera dos seus guións ou artigos. Neste senso, Toñito era o mellor caníbal chandelariano que temos coñecido… Pero non o imaxinedes cun parche no ollo, gordo ou pouco agraciado… era máis ben como Jimmy Stewart, fraco tirando a alto, elegante como un artista adolescente, aínda que fose vestido sempre con traxes e chaquetas mercadas de saldo ou terceira man nunha viaxe a Londres. A primeira vez que lle dixemos que tiña engurras arredor dos ollos, púxose fatal… quería ser Peter Pan ou Dorian Gray e estar a salvo dos excesos da mala vida que levaba… Non o sabía, pero podíamos supoñelo entón, pero fixo un cadáver fermoso, ainda novo para o rocanrol e novo para morrer. Uns días antes escribiu, nun vater da TVG, un dos seus célebres slogans: sexo, drogas, rocanrol e monte…

Morreu moi novo, de sobredose, en 1994, nun accidente estúpido como todos. Non tiña máis ca trinta anos… e os seus amigos perdemos unha referencia insubstituible da creatividade sen medios… Con Toñito como enviado especial no país de Sempre Xamais, fixémonos moito máis vellos.

Eduardo Galán, Suso Iglesias, Pepe Coira

Santiago, setembro 2001

Textos de varios tipos / Antonio Blanco, (Tris Tram, 2001)

Anuncios