pad

O pasado día 10 presentouse en Viñetas desde o Atlántico o número 0 de Oink! A revista do Xabarín Club. Unha revista mensual pensada para os nenos e nenas galegos que sairá á rúa o 26 de agosto.

Kiko da Silva, no seu blog, desvélanos os catro ingredientes desta publicación:

1. Moita banda deseñada: autores de distintos estilos sacan o seu lapis e fan viñetas e ilustracións orixinais para ledicia dos pequenos (e non tan pequenos). Miguelanxo Prado, Kiko da Silva, Andrés Meixide, Miguel Porto, Fran Bueno e Marilar Aleixandre, Miguel Robledo, Jacobo Fernández, Kohell, Victor Rivas e Pinto & Chinto, daranse cita todos os meses para contaren as últimas aventuras dos seus personaxes ou para ilustraren fantásticos artigos.

2. Contidos coidados e que teñan algo que achegar. Arte, historia, ciencia, deportes, actualidade… tratados dunha forma diferente e divertida. Reportaxes, artigos, entrevistas, novas… todo pensado para as mentes inquedas e co único obxectivo de acender a súa curiosidade polo mundo.

3. Deseño atractivo: o noso departamento de deseño adobía todo coas súas mellores galas. Cunha estética coidada e dinámica logramos que os peques se enganchen.

4. E o noso INGREDIENTE SECRETO: o Xabarín. Este porco que leva case 20 anos dando guerra na TVG e que lles acompañará na viaxe que Oink! pretende ser cada mes.

Nas Bibliotecas Municipais da Coruña xa podedes consultar o número cero da Revista e esperamos poder incorporar este título ás nosas salas infantís axiña!

Anuncios