Se hai uns meses anunciabamos a saída ao mercado da segunda revista galega para nenxs despois da tristemente desaparecida Golfiño. Hoxe temos outra boa nova, o galardón obtido por esta no marco das XXV Xornadas de Banda Deseñada de Ourense.

O Premio, orientado a distinguir iniciativas e traxectorias destacadas no panorama da BD galega, viu na revista OINK! “unha aposta arriscada e esperanzadora, que devolve á cidadanía unha revista para a infancia e a xuventude. Unha revista profesional, atrainte e en galego que revirte unha situación que parecía inviable”.

O galardón, concedido pola Fundación Benito Losada e consistente nun trofeo elaborado expresa e xenerosamente polo artista membro da fundación Manolo Figueiras, será entregado hoxe ás 11:30 na Livraria Torga. No acto de entrega presentarase, ademáis, o vixésimo número do coñecido fanzine das xornadas. Neste aparecerá, ademáis das seccións habituais, unha crónica das XXV xornadas que rematarán con este acto  a edición deste ano.

Os que non coñezades a revista podedes disfrutala nas bibliotecas Ágora, Forum e Monte Alto. Parabéns para OINK! e un saúdo para os amigos da “Festa Galega do cómic”.

Anuncios