[Nota de prensa] – PLÁSTICA MUTANTE

Os vindeiros 20 e 21 de xuño voltamos a celebrar e edición de verán das nosas fantabulosas xornadas de autoedición, esta vez baixo o nome de GROPO GROPO. A nosa intención non é outra que a de manter o nivel de anteriores convocatorias e voltar a facer do Liceo Mutante, durante un par de días, o sitio máis importante do Planeta. Se queredes poñer un posto no que vender e amosar a os vosos fanzines, discos, etc. non tedes máis que enviar un mail que conteña o seguinte:

  1. Breve texto explicativo (5-10 liñas) da vosa proposta, contando quen sodes, que facedes, de onde sodes e por que queredes vir.
  2. 5 imaxes relacionadas coa proposta que amosen as vosas publicacións, traballos, etc. Nada de asociacións de imaxes evocadoras, por favor; só o voso traballo.
  3. Ligazóns ás vosas webs ou ciberespacios (en caso de que os teñades).

Estamos abertos a todo tipo de propostas relacionadas coa autoedición, pero convén ter en conta un par de cousas:

  1. Os criterios de selección para as Xornadas de Autoedición do Liceo Mutante priorizarán as propostas relacionadas coa edición gráfica, literaria e sonora, o que non pecha necesariamente a porta a propostas de edición de natureza distinta.
  2. Buscamos proxectos de autoedición pura e dura; non admitimos propostas de empresas, medios establecidos nin publicacións patrocinadas. Só chatarra DIY, por favor.

Os proxectos seleccionados contarán cunha mesa para expoñer e vender o seu material durante as xornadas. Ademáis, e como é habitual, trataremos de facilitar o aloxamento a aquelas propostas que veñan de fóra de Galicia, dando prioridade ó viaxeiros máis lonxanos.

Escribide a artes.liceomutante@gmail.com antes do 26 de maio (as propostas que cheguen máis tarde das 23:59 do día 26 serán automáticamente rexeitadas).

Anuncios