Despois de ver que Los surcos del azar de Paco Roca é o cómic máis prestado das Bibliotecas Municipais da Coruña, recomendamos unha serie de cómics que cremos que vos poden gustar:

Berlín : ciudad de piedras / Jason Lutes (Astiberri, 2005)Berlín : ciudad de piedras / Jason Lutes (Astiberri, 2005)

A primeira parte da fascinante triloxía de Jason Lutes ambientada en Alemaña nas horas sombrías da República de Weimar. O xornalista Kurt Severing e a estudante de arte Marthe Müller son as figuras centrais dun elenco de personaxes entrelazados cos feitos históricos que se desenvolven ao redor deles. Ciudad de piedras abarca oito meses en Berlín, desde setembro de 1928 até o Primeiro de Maio de 1929, documentando meticulosamente as esperanzas e as loitas dos seus habitantes mentres o seu futuro parece escurecerse antes o ascenso dunha sombra ameazadora.

El Folies Bergère / Zidrou & Porcel (Norma, 2013)El Folies Bergère / Zidrou & Porcel (Norma, 2013)

Zidrou e o debuxante granadino Francis Porcel preséntannos un relato sobre a Primeira Guerra Mundial que conxuga os medos e penurias da guerra con varios sucesos incribles e paranormales. A compañía El Folies Bergère está revolucionada, os seus integrantes están cansos do frío e do barro, e ademais, un deles, Rubignoles, foi condenado á morte por intento de deserción, pero négase a morrer. Para solucionar o caso, o Estado Maior enviará ao sacerdote Erick Peyroux para que examine a situación. Pero a guerra continúa e o horror nas trincheiras nunca para.

 

División azul / Fran Jaraba (Edicions de Ponent, 2013)División azul / Fran Jaraba (Edicions de Ponent, 2013)

Berlín, 1941. Hans Edelmann, un científico do Instituto de investigacións atómicas Kaiser Wilhelm, fotografía clandestinamente os documentos e planos da bomba atómica en cuxa preparación traballa, encadrado nun grupo escollido de investigadores. O partido comunista alemán quere facer chegar esa información a Moscova para que o goberno ruso consiga tamén dispor da arma atómica no menor prazo posible. O home elixido para facer chegar os negativos a Rusia é Santi, un mozo comunista que se alista na División Azul para cumprir a misión.

 

Yo, René Tardi prisionero de guerra en Stalag IIB / Jacques Tardi (Norma, 2013)Yo, René Tardi prisionero de guerra en Stalag IIB / Jacques Tardi (Norma, 2013)

Despois de “La Guerra de las Trincheras” e “¡Puta Guerra!”, Tardi preséntanos un relato real, histórico e documental: a historia do seu pai, René Tardi, como prisioneiro durante a Segunda Guerra Mundial no campo de concentración Stalag IIB. Neste magnífico cómic, Tardi reconstrúe as vivencias do seu pai neste campamento de prisioneiros nazi a través das súas anotacións e cadernos de debuxo, para axudarnos a comprender a humillación que supuxo para toda aquela xeración de franceses caer vencidos e ser capturados polos alemáns.

Chernóbil : la zona / Natacha Bustos ; Francisco Sánchez (Glénat, 2011)Chernóbil : la zona / Natacha Bustos ; Francisco Sánchez (Glénat, 2011)

A historia de tres xeracións dunha familia afectadas polo maior desastre nuclear da historia. Detrás dunha catástrofe sempre se esconde unha historia humana. Este é o relato dunha das moitas familias que tras o terrible accidente nuclear de Chernóbil marcharon do seu fogar convencidas de regresar ao cabo de apenas uns días. Pero era demasiado tarde, un inimigo invisible apoderouse das súas pertenzas, das súas casas, das súas terras, e estaba disposto a permanecer alí durante decenas de miles de anos. Francisco Sánchez e Natacha Bustos narran a historia duns personaxes ficticios que ben puideron existir, ofrecendo unha invitación ao lector a comprender, explorar e reflexionar sobre o que aínda hoxe en día representa Chernóbil.

Anuncios