Día Internacional de la mujerDentro da programación que as Bibliotecas Municipais da Coruña dedicamos este ano ao Día Internacional da Muller, queremos destacar o papel das mulleres dentro do mundo do cómic.

O equipo de Fancómic xa tiña ganas de traballar este tema así que rapidamente puxémonos a investigar e aquí tedes a nosa selección. Nunha wiki das Bibliotecas Municipais estamos recollendo mulleres coraxe do mundo da literatura, do cine, da música, da ciencia… e do cómic, claro! Non están todos os cómics que hai publicados sobre e por mulleres (coraxe), pero sí cremos que se trata dunha boa aproximación, dentro do que temos dispoñible nas nosas comictecas, e á espera de completar a listaxe coas vosas achegas a través dos comentarios. Entrando no enlace da Wiki de Mulleres Coraxe, podedes consultar os máis de 50 cómics seleccionados.

Dende hai uns anos, a muller tomou un papel protagonista no mundo do cómic. Libros onde tanto autoras como personaxes falan das súas inquedanzas, sentimentos e problemas reais. Destacan cómics que contan a vida de mulleres doutras culturas ou libros biográficos e mesmo autobiográficos.

Pero ata o anos 70 a situación aínda era moi distina. No artigo da revista CLIJ (nº 256) “Viñetas da inclusión: o Imaxe da campaña Mulleres Coraxefemenino no cómic e lectura adolescente” de Freddy Gonçalves Da Silva, fálase precisamente de que no cómic o mundo femenino aparece tan só como un estímulo da fantasía do lector masculino. O artigo propón catro grupos das representacións femeninas no mundo do tebeo: 1. a muller complaciente; 2. personaxes que son obxecto do amor cortés, que serven de inspiración para os logros dos heroes (Sigrid no Capitán Trueno, Lois Lane en Superman ou Mary Jane Watson en Spiderman);  3. as femme fatale, heroínas que triunfan grazas á súa sensualidade (Barbarella, as mulleres de Milo Manara, Red Sonja…);  e 4. as mulleres de comedia. Dentro deste último grupo, estarían aquelas que son espello dos homes que acompañan (como as dos Asterix) e aquelas nenas, alleas á sensualidade, que participan dunha crítica social aparentemente máis inocente (A pequena Lulú ou Mafalda).

Con Mafalda, creada de 1964 a 1973, Quino fai da voz femenina un recurso político para cuestionar a sociedade e a política da época. Moi vixente hoxe en día e á que lle dedicamos unha entrada polo seu 50 aniversario este 2014.

Existen casos excepcionais anteriores, pero é a partir dos anos 70 cando algunhas autoras comezaron a debuxar historias nas que narraban con humor e/ou realismo vivencias propias ou de mulleres reais, creíbles e próximas. Unha das correntes da novela gráfica corresponde ao slice of live (pedazos de vida) na que temos: 1. personaxes que narran feitos traumáticos (La muñequita de papá, Fun Home, Vida de una niña); 2. as primeiras experiencias amorosas; 3. visións introspectivas das obras, a pesar da pouca relevancia dos acontecementos da vida que están contando (Parecer es mentir, Los juncos…);  ou 4. eventos personais ou familiares a partir dun acontecemento histórico.

Un dos exemplos máis significativos deste último tipo de autobiografías é Persépole de Marjane Satrapi. A partir de este ano 2003, e grazas ao seu éxito comercial, editoriais especializadas en novela gráfica comezan a publicar libros autobiográficos de mulleres. Moitos retratan historias de mulleres en zona de conflicto, doutras culturas: Marzi, Negrinha, Aya de Yopougon, El coche de Intisar, Nylon Road, El paraíso de Zahra, Metralla… Pero tamén biografías de personaxes apaixoantes como: Kiki de Montparnasse, Modotti: una mujer del siglo veinte, Olympe de Gourges, Isadora Duncan… E, en xeral, calquera temática que se quera contar: Una posibilidad entre mil, El azul es un color cálido, Lulú: mujer desnuda, Sangre de mi sangre

Na Biblioteca Os Rosales temos durante todo o mes de marzo una exposición con todas as obras recollidas na wiki das Mulleres Coraxe. Botádelle unha ollada no noso Flickr.

Mostra de Mulleres Coraxe no cómic na Biblioteca Os Rosales

Se queredes coñecer e levar en préstamo as obras das nosas Mulleres Coraxe podedes consultar no Catálogo das Bibliotecas Municipais a dispoñibilidade dos materiais.

Podedes seguir a campaña de Mulleres Coraxe nas redes sociais coa etiqueta #mullerescoraxe e sempre recomendarnos títulos con #recomendamosbmc.

Anuncios