Este sábado é o Día do Cómic Gratis Español, e grazas a colaboración da tenda especializada Metropolis Cómics, as Bibliotecas Municipais da Coruña tamén van a participar neste evento. Este ano dende a tenda pretenden que a festa do cómic chegue a maior xente posible, e a mellor maneira de facer isto e que as bibliotecas, promotoras coma ninguén da lectura e do libro nas nosas vilas, formen parte desta festa da banda deseñada. Deste xeito, recibimos un lote de cómics para regalar entre os nosos usuarios este sábado. É un cómic por usuario, a escoller. A idea que toda a xente leve un exemplar ata esgotar existencias.

As Bibliotecas Municipais que participan este ano son Ágora, Forum, Monte Alto e Sagrada Familia.  Dende Fancomic queremos agradecer a colaboración de MetropolisComics por contar con nós.

DIA DEL COMIC GRATIS ESPAÑOL 2015

O Free Cómic Book Day é un evento que sucede cada primeiro sábado de Maio desde 2002 nas librarías especializadas en cómic americanas. O concepto é bastante simple e consiste en regalar un cómic a calquera persoa que ese día entre nunha das tendas participantes.

En España, o día elixido para a celebración do evento é sempre o segundo sábado de Maio e cada ano desde 2010, edítanse varios cómics a través das editoriais e autores colaboradores que serán entre os que a xente poderá elixir para levalos de forma totalmente gratuíta á súa casa, simplemente por entrar ese día nunha das tendas participantes e até esgotar o seu stock.

As tendas participantes, así como os cómics a regalar, anúncianse cada ano a través da web e o facebook do evento.

O DDCGE é un evento que tenta potenciar o papel das librarías especializadas en cómic e dalas a coñecer a un público xeral que moitas veces descoñece a súa existencia e ademais pretende ser un día festivo para o lector habitual, xa que desde moitas tendas participantes, aprovéitase ese día para realizar sesións de firmas e outras actividades relacionadas co mundo do cómic.

Anuncios