Como contaba Antonio nun post anterior, a ordenación dos cómics nas Bibliotecas Municipais, pasou por varias etapas (“Personaxes que engaiolan”, “Números soltos”…) ata chegar á organización actual, froito do traballo do grupo Fancómic.

O que se tratou foi unificar para todas as Bibliotecas que formamos parte desta Rede a maneira de presentar as nosas comictecas aos usuarios.

Nas nosas salas de adultos, e ao igual que bibliotecas que para nós son referentes no mundo do cómic, como a Biblioteca Regional de Murcia e a Biblioteca Ignasi Iglésias-Can Fabra, ou mesmo a Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, os cómics están clasificados e organizados nas estanterías por procedencia.

E no noso caso, a procedencia concrétase nas seguintes seis categorías:

  1. Cómic galego
  2. Cómic español e hispanoamericano
  3. Cómic europeo
  4. Cómic americano
  5. Manga
  6. Publicacións sobre cómic

Os estantes están sinalizados coa denominación de cada categoría, pero ademais, os cómics teñen no lombo unha pegatina de cor, que os vincula coa súa procedencia. Nas Bibliotecas Municipais da Coruña temos os seguintes cores para cada grupo:

  • Cómic galego — Verde
  • Cómic español e hispanoamericano — Negro
  • Cómic europeo — Azul
  • Cómic americano — Vermello
  • Manga — Amarelo
  • Publicacións sobre cómic — Morado

No caso do cómic das salas infantís, a ordenación non responde a estes criterios de procedencia, senón que a división da colección faise polos tramos de idades aos que vai dirixida.

A novidade é a categoría de primeiros lectores de cómic, ata os 5 anos. Logo segue a clasificación por tramos de idade que para o resto da literatura infantil: de 6 a 8 anos, de 9 a 11 e de 12 a 14 anos.