Manga na Biblioteca Os RosalesSira, nun post anterior, explicounos que os cómics están clasificados e organizados nas estanterías por procedencia nas nosas Bibliotecas. Agora imos un paso máis adiante.

Moitas das consultas no catálogo da Biblioteca fanse por materia. Tendo en conta que só as obras de coñecemento e a novela levan este tipo de encabezamentos,  temos que presupor que un usuario que realice ese mesmo tipo de busca cando quere localizar un cómic vai ter un resultado insatisfactorio.  Por tanto, fíxose necesario un cambio na politica de indización tradicional e comezar a enriquecer os rexistros bibliográficos dos cómics, seguindo as pautas implantadas coas novelas con información adicional sobre clasificación de materias argumentais por xénero:

Esta é a clase ou a categoría á que pertence a obra de ficción. Describe o que é a obra, non de que trata. Pautas de aplicación xerais:

  • Debe primar o criterio do usuario. A ter dúbidas á hora de asignar un encabezamento, debemos preguntarnos: por onde buscaría o usuario esta obra?
  • Asignar encabezamento de xénero a condición de que o vexamos claro. Ante a dúbida, mellor non asignalo. Vaia por diante que non todas as obras van poder levar este tipo de encabezamento.
  • Unha obra pode pertencer a máis dun xénero.
  • Asignaremos os encabezamentos en galego e castelán.

Os xéneros establecidos para os cómics son:

  • Cómic alternativo e underground
  • Cómic biográfico
  • Cómic de aventuras
  • Cómic de ciencia ficción
  • Cómic de humor
  • Cómic de ilustración
  • Cómic de intriga e misterio 
  • Cómic da vida cotiá
  • Cómic de superheroes 
  • Cómic de terror
  • Cómic erótico
  • Cómic fantástico
  • Cómic histórico
  • Cómic romántico
  • Cómic social e político 

O traballo no procedemento seguiuse estritamente a liña do que xa se está facendo no resto de obras de ficción nas Bibliotecas Municipais da Coruña e logo baseándonos na Rede de Bibliotecas de Galicia á que pertencemos. Igualmente tivemos moi en conta á hora da creación das materias argumentais por xénero, outra biblioteca que leva moitos anos traballando co cómic como é a Biblioteca Regional de Murcia.

Por outro lado, vímonos obrigados a utilizar os termos de indización non controlados. Neste campo introduciremos materias que non son consideradas autoridade. Para isto, usaremos o subencabezamento de forma Cómics, cuxo resultado práctico ao utilizalo é conseguir a entrada por un termo máis específico, evitando a excesiva acumulación dos mesmos termos xenéricos. Ao mesmo tempo conséguese a especificación dunha materia. O maior ou menor uso de subencabezamentos nunha biblioteca depende da abundancia dos seus fondos e da súa finalidade informativa. Cremos que a colección de cómics nas Bibliotecas Municipais da Coruña requíreo. Introduciranse preferentemente:

a) Temática dos cómics, a condición de que sexan evidentes e que non queden recollidos nos xéneros normalizados citados anteriormente. Exemplos:

Mutantes – Cómics
Vampiros – Cómics

b) Nomes de Personaxes e Series que pola súa popularidade deben ser recolleitos, pero que non alcanzan a categoría de personaxe principal nunha serie. Ex.:

Lex Luthor – Cómics
Joker – Cómics

Este traballo se está implementando pouco a pouco nas nosas Bibliotecas e queda moito camiño por percorrer. Este, simplemente, é un punto de partida.

Anuncios