Ano 1986. En Afganistán hai guerra. Nun bando, o exército invasor soviético e o do goberno comunista que ostenta o poder en Cabul; no outro, os Muyahidin, a resistencia. E no medio, as organizacións humanitarias.
Médicos Sen Fronteiras (MSF) encargoulle o fotógrafo Didier Lafévre unha reportaxe sobre o traballo médico-humanitario da organización no corazón de Afganistán, en plena guerra. Durante máis de tres meses, Lafévre experimentou hostilidades, accidentes, desaparicións…nun lugar onde a negociación, as alianzas, os códigos da lingua e a urxencia son competencias imprescindibles para chegar a bo porto na misión encomendada.
O cómic serve para dar testemuña das consecuencias que un conflito armado ten sobre a poboación civil e sobre as dificultades que soportan as organizacións humanitarias. Os equipos que traballan no terreo teñen que enfrontarse á presenza de grupos armados e ás estratexias de manipulación e politización da asistencia en beneficio de outros intereses, que non son os das poboacións necesitadas de axuda urxente.
A obra está de total actualidade, especialmente nun momento en que se multiplican os conflictos armados en Siria que afectan á poboación civil. O éxodo masivo de cidadáns que foxen do conflito no seu país cara a Europa, só é comparable ao que provocou a Segunda Guerra Mundial. Unha odisea de refuxiados, a vergoña dun drama que Europa ignorou durante demasiado tempo.
Escrito e debuxado anos máis tarde, entre 2003 e 2006, Emmanuel Guibert, Frédéric Lemercier e Didier Lefèvre transpórtannos totalmente con eles dende as primeiras páxinas. A misión humanitaria, baixo o testimonio de Lafèvre, desvélase baixo un tratamento periodístico/artístico moi orixinal e inédito, fotografía e debuxo como apoio ao relato. Emmanuel Guibert nos fai chegar unha historia dura que aproveita todo o material fotográfico descartado. Hai que ter en conta que das 4.000 fotos que sacou só se publicaron 6, unha porcentaxe ínfima, que grazas a este cómic podemos gozar deste traballo.