En 2016 conmemoramos o 25 aniversario da creación da Rede Municipal de Bibliotecas da Coruña. Nada en 1991 coa inauguración de 3 centros ten hoxe, vinte e cinco anos despois, 8 bibliotecas e 1 centro coordinador nos que traballan 100 profesionais de distintos ámbitos. Aqueles que nos dedicamos con traballo e agarimo ao ámbito do cómic, os de #Fancómic, queremos tamén sumarnos a esta celebración utilizando o número 25 como número talismán para presentar unha serie de mostras e exposicións que se celebran en varias das Bibliotecas da Rede. Desta maneira agrupamos baixo este díxito distintas perspectivas do mundo do cómic. Goza e divírtete con estas mostras do 1 ao 31 de agosto.

Biblioteca Ágora: 25 adaptacións

A Biblioteca Ágora presenta unha mostra bibliográfica na que se reúnen 25 bandas deseñadas adaptadas á linguaxe audiovisual na que podemos atopar recoñecidos títulos de comic que serviron de guía para a produción cinematográfica como Camino a la perdición, Asterix e Cleopatra ou Persépolis, xunto a outros que constituiron a base de sobranceiras series de animación como Garfield, Snoopy e Carlitos ou Spiderman. Unha animada escolma coa que descubrir a orixe de moitos dos nosos mitos e referentes da pequena e a gran pantalla.

Biblioteca Castrillón: 25 anos da BD Galega

Castrillón reúne unha mostra de artistas da talla de Iván Suárez, Emma Ríos, Antonio Seijas, Fran Jaraba, Xaquín Marín… co fin de facer un percorrido pola historia do cómic galego e dar a coñecer a traxectoria profesional dos creadores gráficos que traballan en Galicia, que son moitos e moi moi bos!

Biblioteca Forum: 25 heroes da BD Europea

Personaxes épicos, pero con debilidades humanas. Duros de roer pero de corazón sensible. Loitadores contra a inxustiza con síntomas de fatiga. Antigos viláns redimidos das súas fechorías. Emociónanse, ríen e choran. Nestos heroes do cómic europeo deslumbran a súa grande vulnerabilidade, é máis, o humor en ocasións convírtese no sino característico das súas series.

Cinco países europeos son os grandes produtores de heroes de cómic. España, Francia, Inglaterra, Bélxica e Italia dispútanse os talentos dos seus autores e un rasgo que caracteriza a historieta europea é que a vida do heroe vai moi ligada á vida do seu autor.

Biblioteca Infantil e Xuvenil: 25 adicados á BD

25 anos en permanente contacto con autoras e autores locais, xunto cos que nos visitan durante Viñetas desde o Atlántico dende o ano 1998, fai que teñamos un sinfín de exemplares asinados. Cómics nos que podemos disfrutar de dedicatorias fermosísimas, que danlle un valor moi especial aos fondos das nosas comictecas, facéndoas únicas!

Biblioteca Monte Alto: 25 anos de premios

Nas nosas comictecas teñen cabida todas as procedencias, todos os xéneros, cómics para todas as idades e públicos, pero non poden faltar as obras máis premiadas: nos Salóns de Barcelona e Angoulême ou os Premios Nacionais de Cómic, por poñer só tres exemplos da excelente saúde da que goza o medio.

Biblioteca Os Rosales: 25 personaxes e 25 autoras e autores da BD francobelga

Nos Rosales centrámonos na banda deseñada francobelga. E é tan extensa e prolífica -xunto coa americana e o manga, é unha das tres tradicións de historieta máis importantes a nivel mundial- que optamos por facer unha doble exposición: por unha banda a das 25 personaxes máis enblemáticas, entre as que destacan Tintín, Asterix e Obelix, Titeuf, Blueberry, Spirou… e pola outra autoras e autores dos que temos obras na Biblioteca Os Rosales e son realmente queridos pola xente que nos visita, resultando ser dos cómics máis prestados da Biblioteca.

Biblioteca Sagrada Familia: 25 guapetóns de BD

Non son todos os que están, porque fáltannos unha boa horda de mulleres e homes guapetes, pero na Sagrada Familia quixemos render homenaxe ás belezas que nos derreten os ollos cando lemos moitos dos cómics que temos nas Bibliotecas. Dende Blacksad a Elektra pasando por todo o espectro ilustrado por Marini, poderedes disfrutar destas guapuras en setembro, debido a que a Biblioteca estará en obras durante todo o mes de agosto. Así que cando só quede a resada de #Viñetas2016, estaremos nós en pleno festival. Vide a vernos en setembro, para que, con esta mostra, non se pasen as calores do verán!

Fotos de todas estas motras, podedes ollalas na nosa conta do Flickr:

jhg

Anuncios