Nova tempada de Club de Lectura de Cómics e novas recomendacións e lecturas. Comezamos cunha historia social de Isaac Rosa e Cristina Bueno, “Aquí vivió”, unha emotiva novela gráfica que expón a problemática dos desafiuzamentos, un dos temas máis urxentes da nosa sociedade. Se a ti tamén che gustou, non agardes máis e pasa pola Biblioteca do teu barrio e leva en préstamo as seguintes recomendacións:

Presas fáciles / Miguelanxo Prado (El Patito Editorial)Presas fáciles / Miguelanxo Prado (El Patito Editorial, 2016)

10 de marzo de 2014, Juan Taboada, comercial do Banco Ovejero, aparece morto no seu domicilio por presunto envelenamento. Facía tres días, José Manuel da Vila, conselleiro delegado de Bancamar, foi atropelado por un coche; esa mesma tarde morre no hospital. Nun escenario onde os altos cargos que levaron o país á quebra son recompensados con indemnizacións millonarias e a cidadanía sofre as consecuencias da fraude bancaria pola venda de accións preferentes, a Inspectora Tabares e o inspector Sotillo deben descubrir que relación existe entre os crimes recentes e a crise financeira. Unha historia de vinganza, escrita e ilustrada por Miguelanxo Prado (Papeles dispersos, Ardalén, Tangencias), que vira ao redor de dous temas que resoan a diario na prensa: os desafiuzamentos e a corrupción.

el mundo a tus pies / NadarEl mundo a tus pies / Nadar (Astiberri, 2015)

O tres relatos que compoñen este libro falan dunha interrupción, a que vivimos hoxe en día, onde se dilapidou o futuro dunha xeración e deu pé a un novo mundo onde as regras do xogo cambiaron, onde xa non vale a pena escrutar o pasado para conseguir respostas ou consolo. Carlos, David e Sara xogan as súas cartas e apostan forte, tratan de ser felices, de vivir e seguir adiante.

Barcelona: Los vagabundos de la chatarra / Jorge CarriónBarcelona : los vagabundos de la chatarra / Jorge Carrión (Norma, 2015)

O progreso é un mito -di o prólogo deste libro- que deixa ao seu paso cheas de lixo. Os autores deste cómic seguen os seus múltiples rastros por Barcelona. Aínda que a crise, o paro ou os desaloxos parezan locais, son en realidade argumentos universais: os desequilibrios e inxustizas do planeta. Para abordar o problema óptase pola estratexia da teleserie The Wire: se Baltimore é os Estados Unidos, a Cidade Condal é, rabiosamente hoxe, España ou Europa. Esta obra permite unha gran cantidade de lecturas: é unha crónica sobre a reciclaxe do metal; un retrato urbano coa precariedade como protagonista (as chatarrerías, os sintecho, as naves okupadas); unha contraguía turística; un ensaio sobre as miserias do “Modelo Barcelona”. Sexa o que sexa, esta viaxe dos autores por unha cidade inesperada bríndanos a oportunidade de tomar conciencia da nosa realidade a través dunha alianza poderosa: a da novela gráfica co xornalismo.

Punto de fuga / Miguel CubaPunto de Fuga / Miguel Cuba (Demo Editorial, 2011)

A historia dun mozo que perde o seu traballo, o que provoca que intente reorientarse na vida, constitúe un retrato moi directo dunha xeración que na actualidade goza de titulacións universitarias pero que non encontra o seu espazo laboral.  A crítica social a través da ironía e o humor salpica esta historia de debuxo preciosista, ambientada en Santiago de Compostela e outras localidades galegas como o porto de Santa Cruz, en Oleiros. En palabras de Miguelanxo Prado, «unha achega madura, necesaria e importante á BD galega».

Todos los hijos de puta del mundo / Alberto González VázquezTodos los hijos de puta del mundo / Alberto González Vázquez (¡Caramba!, 2016)

A que ten medo Mariano Rajoy? Que sería capaz de facer Pablo Iglesias por amor? Matou Albert Rivera a un home coas súas propias mans? Recibe Esperanza Aguirre ordes dunha mascota? Soña Pedro Sánchez con ovellas eléctricas? Alberto González Vázquez regresa cun libro que recompila as mellores páxinas que publicou no “Mundo Today” e “Orgullo y Satisfacción”.  A través de historietas de diferente extensión, “Todos los hijos de puta del mundo” cóase en grandes momentos da vida política española recente. Pero atención: calquera parecido con algún fillo de puta vivo ou morto é pura coincidencia.

Anuncios