Este xoves asistimos á presentación da exposición BDG70: A revolta do cómic galego que ata finais de ano atoparedes na Sala Normal. Nela os comisarios da expo falaron do difícil de xestionar e do necesaria que esta resulta para coñecer non só pasado do cómic galego, senón parte da nosa historia. Nun acto que contou con música en directo e un ambiente moi coidado puidemos ver, in situ, cada un dos rincóns no que o uso das cores (vermella, negra e blanca) posibilita sentir o traballo de cada un dos autores. Un traballo cun marcado ton político de esquerdas (vermello) nun país oprimido pola dictadura (negro).

A expo xorde como resultado da investigación realizada en 2015 por Xulio Carballo para a súa tese de doutoramento sobre a banda deseñada galega. Esta exposición quere pór de relevo a gran cantidade de artistas que, aínda en período ditatorial, canalizaron o seu pensamento antiautoritario e artístico a través dun medio aínda marxinal, o cómic, e dunha lingua pretendidamente marxinalizada, o galego. A riqueza e variedade temática, das técnicas artísticas e dos diferentes formatos empregados fan mergullarse na historia política e social dos anos setenta a través do medio ao que, con tanta paixón, facemos eco neste blog, o cómic.

Anuncios