A ilustración de Alberto Guitián anunciando a festa do Entroido na Coruña está a levantar protestas e repulsas. O Arcebispado de Santiago fixo un “lamento” oficial no que  di “…una utilización de la imagen del pontífice que ni se corresponde con la realidad ni guarda relación alguna con la celebración lúdica que se publicita”.

A esta declaración unese  unha petición de firmas na plataforma Citizen Go que require unha desculpa “pública” por parte do Concelleiro de Culturas da Coruña, José Manuel Sande. E finalmente, ata o de agora, a Asociación de Abogados Cristianos empraza ao Concello da Coruña a retirar o cartel polo seu mal gusto entre outras cousas.

Convén lembrar que o Entroido non é unha festa relixiosa segundo a propia Igrexa Católica, simplemente é o tempo previo á Coresma que o seu vez é un tempo de preparación para a Pascua. Ou sexa, que o Entroido parece moi lonxe de calquer tempo litúrxico ou relixioso.

De feito, e aproveitando a proximidade no tempo, queremos invitar ao Arcebispado, a Asociación de Avogados e aos particulares a facer unha campaña contra as fallas de Valencia polas representacións críticas, mordaces ou pícaras que ven facendo desde hai décadas nas festas de San Xosé.

Pero nós, desde Fancómic, que aínda nos preguntamos se non estaremos ante un adianto da propia mascarada, tamén queremos unirnos a todas estas peticións de retirada e acusamos ao autor Alberto Guitián de facer unha ilustración eslamiada, pouco incisiva e burlesca e sen relación algunha co carácter bulicioso e mordaz destas festas. E tamén queremos condenar a elección que se fixo desde a Concellaría de Cuturas que, estamos seguros, quere converter o Entroido nunha festa aburrida, silenciosa onde desapareza a ironía e a crítica aos estamentos políticos, relixiosos ou económicos como amosa o propio cartel.

Autores, concelleiros, para o vindeiro ano ¡UN CARTEL MAIS IRREVERENTE! (por favor).

Anuncios