Iván Sende

Alita Cómics Orzán (A Coruña) acollerá este sábado 25 de Febreiro  a partir das 18.00 horas a presentación do novo comic do autor Iván Sende “El Secreto del Salmo 46. Mensajes escondidos en el arte”. Unha história baseada nunha conferencia impartida en 2002 polo prestixioso creador de videoxogos Brian Moriarty.

En  “El Secreto del Salmo 46” Brian Moriarty -o creador do revolucionario videoxogo ‘Loon’ -convídanos a unha viaxe a través do tempo e as expresións artísticas, onde comezaremos explorando distintos métodos e recursos que os artistas utilizaron a través dos séculos para esconder ou ocultar información nas súas obras con diversos propósitos, para acabar enfrontándonos ao feito mesmo da creación artística, á fonte e a razón do propio acto creativo.

Para iso Moriarty contános a súa experiencia como dependente, segue coa historia do libro “Masquerade” do autor Kit Williams, que a través dun libro-enigma, prometía ao gañador unha lebre de ouro de 18 quilates, e lévanos aos ovos de pascua (easter egg), que son as mensaxes ocultas dentro das obras e que xa autores como J.S. Bach utilizaban nas súas composicións. Despois disto, entramos nunha das teorías mais populares entre os buscadores de mensaxes ocultas: quen escribiu as obras de William Shakespeare, e quen puido ser? A clave está no Salmo 46…

Posta en viñetas de forma moi simple por parte de Iván Sende, a fortaleza de “El Secreto del Salmo 46. Mensajes escondidos en el arte” atópase no tremendamente efectivo do traballo do artista galego á hora de estruturar a narración secuencial ao redor dun texto tan intrincado como o que se transcribe do relatorio de Moriarty. Un texto que, ao atopar aquí apoio visual, consegue chegar con maior potencia que no seu formato orixinal e que, revisado, e transcendida a sorpresa inicial que supón a súa conclusión, parece querer deixar claro que non hai secreto que non poida ser descuberto; que non hai criptogramas ou códigos secretos aparentemente imposibles de descifrar; que todo está aí, a primeira ollada, e que só é cuestión de darse conta de onde e como mirar; e que, unha vez descuberto, o único que resta é tratar de comprender que estamos a ver.

Iván Sende (Vedra, A Coruña, 1977) estudou ilustración na Escola de Artes Pablo Picasso.O seu primeiro libro publicado foi ‘Usha’ (Xerais, 2008), ao que seguiron ‘Lía e as zapatillas de deportes’ (Xerais, 2008), ‘O monstro das palabras’ (Xerais, 2009), e ‘Volvo! O regreso de Usha’ (Xerais, 2014), todos eles obra de María Reimóndez. No 2015 ilustra o disco-libro de Mark Wiersma e Miguel Mosqueira ‘Sira e o robot: Adventures on Titan’ (Xerais).

‘Bea’ (Xerais, 2008) foi o seu primeiro libro en solitario. Foi finalista do Premio Merlín nos anos 2007 e 2009 co libro ‘Carabranca’, que finalmente publicou en 2011 nunha edición de autor.

‘Advaita’, editado por Diábolo Ediciones en 2015, foi a súa primeira incursión no mundo da banda deseñada; un relato autobiográfico en forma de cómic onde narra o seu encontro coa espiritualidade. Segundo a crítica, trátase de “unha proposta a medio camiño entre unha guía para budistas e unha das crónicas de Guy Delisle”

Anuncios