No ano 2010 Antonio Altarriba e Kim gañaron o Premio Nacional de Cómic pola historia El arte de volar, un retrato emocionante da vida do pai de Altarriba e que supuxo un fito na historieta española. E neste mesmo mes, veñen de recibir o V Premio Zona Cómic por El ala rota como o mellor cómic nacional publicado durante 2016 e a nominación aos premios do Salón de Barcelona. El ala rota céntrase na vida de Petra, a nai de Altarriba, reinvindicando así a historia das mulleres españolas no século XX.

Na sala de adultos terá lugar unha charla do guionista Antonio Altarriba e o debuxante Kim cos integrantes do grupo de traballo Fancómic, con participantes de diferentes clubs de lectura das bibliotecas e con todo o público asistente que poida achegarse á Biblioteca Os Rosales ás 12 h do mércores 15 de marzo. Encontro que enmarcamos dentro da Primavera Literaria 2017 da Biblioteca Os Rosales.

É todo un privilexio para nós poder contar cun encontro tan próximo con Altarriba e Kim, despois de ter lida a súa obra nos nosos clubs de lectura e gozado dunhas tertulias cheas de debate, agarimo e moitos sentimentos. E debemos agradecer a Javier Pintor que nos facilitase a visita, xa que son os seus convidados aos encontros literarios que organiza o CEFORE A Coruña para o profesorado e que estarán no salón de actos da Uned esa mesma tarde, a partir das 18:30 h.

Vai ser unha cita inesquecible para todas nós. Estades convidados! A entrada é libre ata completar a capacidade da sala de adultos da Biblioteca Os Rosales.

Anuncios