Volvemos esta semana cunha nova dose de Conciencia Gráfica, proposta comiquera na que recomendamos tebeos de temática social protagonizados por adolescentes, que reflicten historias próximas, actuais e recoñecibles, co (utópico?) obxectivo de axitar conciencias e plantexar reflexións ao redor de temas reais e cotidianos.

Hoxe abordamos o tema da inmigración cun deses cómics necesarios para abrirnos a outras realidades e coñecer que hai máis aló de palabras como inmigrantesen papeis, ou MENA (menor extranxeiro non acompañado). Urxe colocar de novo en primeiro termo a palabra persoa; máis aínda, se cabe, no caso dos menores, sobrevivintes de auténticas odiseas cara un hipotético futuro mellor, moi distinto do que finalmente atopan, xa que as expectativas coas que emprenden a viaxe casi nunca se cumplen.

Así que, como di no prólogo Emilio Calatayud -xuíz de menores de Granada coñecido polas súas sentenzas exemplares- “condénovos a ler este cómic”, antídoto contra prexuízos, tabús, receos ou preocupacións derivadas do medo ao diferente.

 

INMIGRACIÓN 

Khalid. Damián, Jordi Pastor / Norma, 2013

Khalid e Rachid dous irmáns de Marrocos, soñan cunha vida mellor. Rachid chega a España e vive nun centro de acollida en Barcelona. O seu día a día navega entre escarceos coas drogas, problemas coa xustiza e conflitos cos educadores do centro, mentres mantén enganada á súa familia respecto da súa situación actual. O seu irmán pequeno decide seguir os seus pasos e alcanzar o seu suposto éxito emprendendo unha incerta e perigosa viaxe.

O punto de vista dos traballadores do centro de acollida (Damián baséase nas súas propias experiencias como Educador Social) convértense no terceiro protagonisa da historia, así como as dificultades que atopan para facer o seu traballo debido ás características tanto do sistema xudicial coma dos servizos sociais que non se adaptan ás realidades destes rapaces. Recortes, peche de centros, prexuízos raciais, delincuencia… todo un cóctel para estes menores en risco de exclusión social.

En canto á forma, resulta interesante a presenza de viñetas bicolores, que distinguen en azul a fría realidade de Rachid en Barcelona, e en amarelo a viaxe de Khalid cara á terra prometida.

Déixovos cos propios autores do cómic, Jordi Pastor e Damián nunha charla sobre a creación deste tebeo.

 

 

Anuncios