Chega unha nova entrega de Conciencia Gráfica, cómics de temática social protagonizados por adolescentes, que nos abren os ollos a realidades próximas e complexas coas que inevitablemente reflexionamos sobre o que nos toca vivir.

Esta é a historia dun desafiuzamento. A historia de un e, ao tempo, o relato de todos. A historia dunha de tantas familias mergulladas nunha traxedia social que afectou a máis de 400.000 desde o comezo da crise.

Aínda que cada historia ten un nome propio, está claro que non é un problema individual. É un problema social, político, económico, global. E ao mesmo tempo humano. Son as emocións dos que se senten fracasados, desafiuzados das súas propias vidas, dos seus plans, do seu futuro.

Tamén é a historia dun sinsentido se atendemos a que o noso país concentra o 30% dos pisos baleiros de toda Europa e que a vivenda social en España só representa o 1% fronte ao 32% de Países Baixos, por exemplo.

“Ninguén lles puxo unha pistola na cabeza”, “Todos querían ter unha boa casa”, “Quixeron vivir por enriba das súas posibilidades”, frases que aínda se seguen escoitando, pretextos vagos que desvían a responsabilidade cara aos que son expulsados do seu fogar; mentres, bancos exercendo prácticas abusivas, tasadores inflando prezos, avós abalando hipotecas, facéndose cargo de fillos e netos, de familias enteiras e a burbulla crecendo imparable… E para os que executan a sentenza, o desafiuzamento non é máis que un mero trámite, cumpren a lei… e ninguén parece ser responsable… Unha bomba de reloxería que lles explota na cara sempre aos mesmos.

Estes anos crueis destaparon o tremendo impacto que o desemprego e o aumento da desigualdade tiveron en gran parte da poboación española e no seu dereito para acceder a unha vivenda. Traxedias que se podían ter evitado. Por iso loitan incansables, IMPAHRABLES, os activistas da Plataforma de Afectados pola Hipoteca, unha rede solidaria, empoderada, con esperanza e capacidade de loita, convencidos de que non están mendigando, senón reivindicando dereitos fundamentais.

DESAHUCIOS

Aquí vivió. Isaac Rosa, Cristina Bueno / Nube de tinta, 2016.

Alicia pasa por un momento difícil, os seus pais acaban de separarse e vaise a vivir coa súa nai a unha casa cuxos antigos propietarios foron desafiuzados por falta de pagamento. Aos poucos vai entrando na historia desta familia e coñece en profundidade a súa complexa problemática social.

A través de viñetas regulares e debuxos tenros que contrastan coa traxedia social que narra, asistimos á viaxe da protagonista. Grazas á súa empatía e á capacidade de indignarse de Alicia, transitamos con ela cara á consciencia de que é un asunto que nos concierne a todos como sociedade.

Este cómic xa foi reseñado aquí en Fancómic polo noso compañeiro Iván, podedes picar aquí para lela.

Déixovos con Silvia Pérez Cruz, que o conta e cántao mellor que ninguén, poñéndonos a pel de galiña… xente sen casa, casas sen xente…

 

Anuncios