De noite teño frío… Querería durmir para sempre… que o soño me levase… Pero esperto, e teño que empezar de novo… Alimentarme para sobrevivir, cando cada bocado é un suplicio. Veleno na miña garganta. Quero estar baleira… Lixeira… A comida ínchame… O seu peso no estómago repúgname. Teño que purgarme as entrañas, reducir esta carga que me pesa… Volverme fráxil… Feble… irme voando… A comida á que lle dou voltas na boca sabe a ferro… a morte… Cúspocha na cara, mamá.

Así de cru é o relato desta rapaza, Lucille, que vive unha das pragas máis duras do noso tempo, o rexeitamento a un mesmo. Conciencia Gráfica chega hoxe cargada de feridas. O tema é íntimo, profundo e desolador. E ao tempo, un gran problema social co que a civilización actual mostra a súa cara máis devastadora: a de persoas que se negan voluntariamente a alimentarse.

A anorexia e outras desordes alimentarias son responsables de imaxes sobrecolledoras, mozos e mozas (cada vez máis novas!) pendentes permanentemente do seu aspecto, tentando encaixar nun ideal de beleza totalmente distorsionado. Resulta terrible asistir a esa autodestrucción diaria.

Os protagonistas móstransenos desagradables e auténticos a partes iguais. Aínda que Lucille e Vladimir albergan un reduto de esperanza nun interior cheo de escuridades. A calor do primeiro amor sanda as súas feridas e tentan sobrepoñerse xuntos aos duros condicionantes da súa contorna. Os dous agochan unha profunda necesidade de colmar o baleiro interior, unha profunda necesidade de amor e afecto.

ANOREXIA

Lucille. Ludovic Debeurme / Norma, 2007.

Lucille non é feliz, síntese fea, gorda, soa, marxinada nun mundo que non comprende e que non a comprende. A desgraza conduciuna por un camiño de difícil retorno que a leva cara á enfermidade, cara á autodestrución… cara á anorexia.

As debuxos son trazos concisos e fráxiles, como o seu corpo; ilustracións frías, sen cor, sen marcos, flotando no aire como ela, etérea, conxelada, lonxe da terra e da calor da propia aceptación.

Anuncios