Non é fácil ser muller, nunca o foi. En pleno século XXI enfrontámonos a diario coa desigualdade e os prexuízos en todos os ámbitos, por iso segue sendo necesario falar do papel da muller na sociedade e por iso hoxe Conciencia Gráfica escríbese en feminino.
Hoxe falamos dun cómic inspirador, un canto á liberdade para elixir o noso camiño. Un espello no que mirarse para non esquecer que a pesar das circunstancias que toca vivir, só hai unha saída: ser fieis a quenes somos.
E porque non todo é renuncia e sacrificio, porque hai mulleres que fan saltar polo aire as limitacións impostas pola norma, sirva este post de pequena homenaxe a todas as que plantaron cara ás dificultades e perseguiron os seus soños, mulleres que reinventaron a súa sorte a pesar de telo todo en contra, que son un exemplo de loita pola igualdade e que nos lembran que aínda queda moito camiño que percorrer para conseguila.
FEMINISMO
VALEROSAS 1. Mujeres que sólo hacen lo que ellas quieren. Pénélope Bagieu / Dibbuks, 2017.
Neste cómic imprescindible coñecemos a vida de 15 mulleres que abriron camiño na loita contra a discriminación. 15 pequenas biografías de mulleres que fixeron historia, atrevidas, decididas, valentes e donas do seu destino.
Cun humor intelixente e enxeñoso e máis aló do seu aspecto amable, os debuxos caricaturescos esconden unha profunda reflexión sobre o papel das mulleres na sociedade e a loita perpetua á que estamos sometidas. Un libro dunha beleza especial que nos lembra que todas somos valerosas.