No mes LGTB+, Conciencia Gráfica súmase ás accións das Bibliotecas Municipais cunha novidade editorial sobre a procura da propia identidade. Trátase dunha metáfora chea de tenrura e humor sobre algo tan complexo como a normalidade. Que é ser normal?

Como non pode ser doutra maneira, o colectivo LGTB+ gana cada día novos espazos de visibilidade, respecto e tolerancia. A sociedade observa as diferentes orientacións sexuais e identidades de xénero nun camiño inevitable cara á naturalidade/normalidade. Pero é perverso isto da Norma… sempre deixa algo fora. Máis aló da heterosexualidade, a discriminación sempre parece posible. Por iso convén actualizar constantemente o noso concepto de diversidade sexual e o cómic do que falamos hoxe consegue, deliciosamente, naturalizar toda diferenza.

A autora/protagonista fala en primeira persoa e sen dramatismo dos seus sentimentos de soidade e incomprensión na súa perpetua (e universal, poderiamos dicir) necesidade de adaptación social. Nas súas viñetas asistimos a fragmentos de vida, momentos concretos bastante recoñecibles por calquera ser humano, nunha sorte de costumismo urbano aderezado con pingas de surrealismo.

Cun claro ton autobiográfico, Rosario Villajos ispe a súa alma nestas páxinas, dando en cada viñeta unha fresca bocanada de autenticidade. O feito de que se namore doutras mulleres é, en realidade, algo secundario. O amor é o amor. Non hai máis.

 

LGTB+

Face, Rosario Villajos / Ponent Mon, 2017.

“Face” trata sobre unha muller normal. Iso si, non ten cara. E ese pequeno detalle supón un lastre nas súas relacións persoais. Disto trata a obra, de como nos definimos respecto da xente que pasa polas nosas vidas, das dificultades para atoparse cómod* entre o resto da humanidade cando nós mesm*s aínda non atopamos nosa propia identidade.

Tenro e entrañable, valente e único. Cunha coherencia e identidade gráfica que converte a lectura nunha auténtica delicia.

Anuncios