Acabamos o curso 2016-2017 dos nosos clubs de lectura da Biblioteca Os Rosales. No grupo Café con libros dos luns levamos catro anos xuntas, no dos martes xa vai para sete. E cada curso imos introducindo cómics entre as nosas lecturas (novelas principalmente pero non só). Ata chegar a cinco títulos lidos en conxunto neste ano!!! Máis todos os cómics que xa levan elas para casa, a parte das lecturas propostas por nós, as bibliotecarias e coordinadoras dos clubs.

Cinco parécenos un número estupendo de lecturas de cómic compartidas. Polo que representa a normalización para nós á hora de programar e propor títulos e temáticas. Esta programación sae xa dun xeito natural, non temos que “forzar” ás nosas compañeiras lectoras, senón que recíbenos con expectación e ledicia. Todo un logro. Seguiremos por este camiño, seguro!

Pero ademáis de ler os cómics: Barrio Lejano de Jiro Taniguchi, Aquí vivió de Cristina Bueno e Isaac Rosa, El arte de volar e El ala rota de Antonio Altarriba e Kim e El azul es un color cálido de Julie Maroh, recibimos ilustres visitas na nosa Biblioteca.

En outono de 2016, co comezo desta nova tempada dos clubs de lectura, convidamos a Miguelanxo Prado á Biblioteca Os Rosales. No curso pasado, todas, sen excepción, disfrutamos da lectura de Ardalén (que por certo, todas celebran a reedición por fin desta obra en galego). Así que foi o momento oportuno para compartir con el as nosas reflexións trala súa lectura e coñecer moito máis polo miúdo a elaboración dun cómic que acabou recibindo o Premio Nacional de Cómic 2013. Foi un encontro longo, rico en información e detalles e onde profundizamos no coñecemento sobre o mundo do cómic, nesa visión global que ten Miguelanxo, de levar tantos e tantos anos na profesión e dirixindo o apreciado festival de cómic Viñetas desde o Atlántico, que vai celebrar neste 2017 os seus 20 anos. Iremos xuntas a festexalo!

1

Esta primavera, que para nós foi especial e que traballamos no formato “Primavera Literaria”, comezamos cun dos pratos fortes deste curso: coa lectura de El arte de volar, que levounos inevitablemente á lectura de El ala rota e coa visita á Biblioteca de Antonio Altarriba e Kim. Foi todo un luxo que temos que agradecer especialmente á colaboración que mantemos con Javier Pintor. O encontro na Biblioteca foi próximo, no que gozamos coa conversa de Altarriba e Kim, co que debatimos sobre a vida dos pais de Antonio Altarriba, que é a vida dos españois ao longo deste pasado século XX.

Comezamos a nosa #PrimaveraLiteraria con Altarriba e Kim, e rematámola de novo con Miguelanxo Prado. E é que fixémonos tan amigos que ofreceuse a facernos una visita guiada á súa exposición no Kiosko Alfonso “MIGUELANXO PRADO: 2003-2016”. Máis de dúas horas de percorrido polos orixinais da súa obra destes últimos anos, acompañadas das compañeiras dos dous clubs de lectura da Biblioteca Ágora, que acababan de ler, elas sí este curso, o cómic de Ardalén. Vaia oportunidade para todas nós, ver e disfrutar dos orixinais deste cómic e que o seu propio autor déranos todas as claves do seu proceso de creación, dos porques… Debémoslle moito!

4

Como vedes, é imposible que non fidelicemos ás integrantes dos nosos clubs coa lectura dos cómics, con contactos de tan alto nivel creativo e humano, con obras xa universais e das que pode gozar calquera, sexa ou non lector habitual do medio. Seguiremos traballando nesta liña, afondando no camiño xa feito e explorando novas vías de coñecemento e disfrute do cómic.

Ah e que case se me olvidaba, hoxe a miña compañeira Anabel Cardiel publicou un resumo do que foi este curso de Café con Libros no blog dos clubs de lectura, e aí tamén recolle estos encontros, ademáis do pracer que foi contar cun libreiro especializado en cómic, Toño Vilaverde, de Alita Cómics (Orzán), na nosa mesa con libreiras da cidade, onde non deixou de compartir con todas nós os secretos da súa profesión e a paixón que pon na conversa e no feito de compartir lecturas (e máis lecturas e máis lecturas… hahaha). Foi unha honra e un disfrute poder contar tamén con el. O noso é ir tecendo redes.

5

Pero isto non para. O curso rematou. Imos xa programando o vindeiro 2017-2018, pero as recomendacións de cómics nunca cesan, e visitaremos, todas xuntas como xa é tradición, o XX Festival de Viñetas desde o Atlántico: exposicións, charlas e a Rúa da BD son citas imperdibles para todas nós. Nas bibliotecas tamén contaremos coa programación de agosto “O mes do cómic” e xa podemos adiantarvos que o luns 7 de agosto, pola tarde, contaremos coa presencia de Xulio Carballo nos Rosales para compartir a charla: “Ler a nosa BD! Unha viaxe pola historia e os autores da Banda Deseñada Galega”. Esperámosvos!

Anuncios