Hoxe Conciencia Gráfica pon o foco nunha enfermidade cruel e probablemente esquecida nestes días, pero que segue afectando a numerosas persoas, esnaquizando familias enteiras e acabando coas posibilidades de futuro de moitos mozos. Hoxe falamos da historia de Rosa e Javier que é, por desgraza, a de miles de fogares españois: a drogadicción.

A sociedade actual é adicta: adicta ao móbil, ao recoñecemento, ao pracer inmediato, ao diñeiro, ao consumo… E en tempos de crise económica emerxen fácilmente outro tipo de adiccións (alcol, xogo, etc.). Pode parecer que xa non hai drogadictos, como nos 80, pero sen dúbida todos somos “yonkis” de certa sensación de éxito e aceptación social e, isto, unido a unha precaria situación económica, pode destapar un problema de drogadicción que antes pasaba desapercibido.

Neste cómic, baseado nunha historia real e narrado desde o punto de vista da nai, fálasenos dos sentimentos, das reaccións, da evolución natural e do posicionamento de cada membro da familia ante o problema de drogadicción de Javier. Dende a negación da nai á ignorancia do pai, pasando polo medo do seu irmán e o repudiamento do seu tío, vemos como se vai forxando un camiño de esperanza para un mozo que baixou directamente aos infernos. Vemos a determinación e loita dunha nai que sinte como está a perder ao seu fillo e como o amor, en tódalas súas vertentes, é o lugar máis axeitado para manterse a flote.

Nas ilustracións, en branco e negro puro cun toque de cor, predomina a lectura de planos medios que logran enfatizar, aínda máis, a expresividade e a emoción. A elección premeditada da cor serve para mostrarnos o problema desde un punto de vista crú; e a ausencia de florituras narrativas visuais sensibilizanos, non nos desvía da historia e aporta máis dramatismo a acción.


DROGADICCIÓN

Rosa y Javier, Paco Hernández y Jose Ángel Ares / Ediciones de Ponent, 2013.

Javier é un mozo de 23 anos ao que ingresan no hospital por unha sobredose de cocaína. A súa nai, Rosa, tenta sacar a súa familia adiante. Mantén ela soa aos seus dous fillos e ao seu marido en paro, ao que a crise e  a situación laboral arrastráronlle ao alcoholismo. Rosa asiste incrédula á transformación de Javier por mor das súas adiccións, pero fará o imposible por recuperar ao seu fillo enfermo.