Non será necesario falar de violencia machista cando as mulleres deixen de ser agredidas polo simple feito de ser mulleres. Nin cando os homes deixen de sentir a causa da igualdade como algo alleo. Mentres tanto, si, debemos seguir falando disto, denunciando as desigualdades, os abusos e os malos tratos. Conciencia Gráfica fala hoxe por todas as que non se atreveron (aínda) a falar.

O 10% das mulleres maiores de 16 anos sufriu nalgunha ocasión violencia física, o 22%, violencia psicolóxica emocional e o 25%, violencia psicolóxica de control. Unha muller é violada en España cada oito horas. Son cifras arrepiantes… pero a única cifra moralmente aceptable é que o terror sexa igual cero.

As mozas soportan unha terrible carga de sexualización desde pequenas, cosificadas e estereotipadas cada vez máis pronto e aínda persiste a idea de que as mulleres teñen que comportarse de certa forma se queren evitar ser agredidas.

O cómic do que falamos hoxe é unha advertencia aos lectores de que a violencia sexual adquire moitos rostros na nosa sociedade. A súa autora relata a violación que sufriu cando era menor de idade (en 1977) e como sentiu soa, indefensa e mesmo culpable. Tamén nos conta o longo camiño que percorreu ata poder liberarse das secuelas desa violencia cotiá que ás veces banalizamos cando a televisión nos conta que o machismo acaba de asasinar a outra muller e xa non sentimos nada.

Entre a autobiografía e o ensaio social, Una entre muchas explora este problema e a responsabilidade social que hai tras el, facendo uso de poderosas metáforas visuais que reflicten perfectamente a indefensión, a angustia, o desamparo e a incomprensión das vítimas de agresións sexuais.

Hoxe e sempre gritamos alto e claro NI UNA MENOS.

 

 

VIOLENCIA DE GÉNERO

Una entre muchas, Una / Astiberri, 2016.

Una entre muchas explora a violencia de xénero, a vergoña e a responsabilidade social, desde a perspectiva dunha experiencia persoal traumática e cun suceso nacional como pano de fondo. A autora pregúntase que significa educarse nunha sociedade na que a agresión machista non é cuestionada e denuncia unha cultura mundial que esixe que as vítimas da violencia paguen o seu prezo.