Se Conciencia Gráfica naceu coa intención de axitar as nosas mentes, non hai mellor xeito de terminar esta primeira etapa de recomendacións de cómic de temática social, que cun dos cómics máis irreverentes e críticos co modo de vida da sociedade occidental actual. Memorias de la tierra, de Miguel Brieva, é unha reflexión punzante sobre ecoloxía, unha lúcida crítica aos nosos costumes e, por que non dicilo, o máis amplo compendio da estupidez humana en formato viñeta.

O Escaqueitor 9000-XP, a Collejoterapia, O TV-Bronceathor son exemplos dalgunhas desas abarrotadas viñetas que é imposible ler sen rirse coa boca pequena, entre a vergoña e a sorpresa de quen se ve pillado no seu comportamento furtivo.

Nesta recompilación de traballos de varias publicacións, Brieva reflexiona desde unha visión filosófica e cun afiado sentido da ironía, sobre os erros que nos levaron á situación actual e tenta achegar ideas para soportar mellor un futuro que parece moi negro. Céntrase, sobre todo, nas nefastas consecuencias que a nosa forma de vida está a ter na ecoloxía. Aínda que non se regodea no pesimismo nin no nihilismo, é máis, fai o esforzo de facer propostas para saír da roda de insatisfacción na que estamos inmersos.

Influenciado pola obra de Robert Crumb e Daniel Clowes (entre outros) o seu estilo lembra á publicidade americana dos anos cincuenta, infestada de comunidades coloristas sempre traballando, sempre rindo; pero que á vez ten algo de esperpento.

Engade tamén textos de autores reais que preconizan o colapso ao que se ve abocada a humanidade -Lévi-Strauss, Eduardo Galeano ou Guy Debord, por exemplo- e con esta ben coidada intertextualidade o libro adquire valor pedagóxico, non só lúdico.

Trátase dun libro necesario nestes tempos de anestesia xeral, que facendo uso do humor máis ácido, poñendo todo en tela de xuizo e ironizando sobre nós mesmos, supón un refrescante exercicio da autocrítica que, sen dúbida, vos invitamos a facer.

DENUNCIA Y CRÍTICA SOCIAL

Memorias de la tierra, Miguel Brieva / Random House Mondadori, 2012.

Desde un futuro remoto, nalgún recuncho do universo, un viaxeiro e cosmoetnógrafo extraterrestre rememora a breve tempada que pasou, case por equivocación, no planeta Terra, precisamente na nosa axitada actualidade. Rastrexando nos seus recordos, e con axuda das múltiples mostras e documentos colleitados durante a devandita viaxe, tratará de desentrañar o estrano comportamento da etnia humana, así como adiviñar os seus posibles futuros; desde unha esperanzadora evolución cara a formas de vida superiores ata a súa total autoaniquilación.

 

Anuncios