O grupo de Fancómic andamos inmersos na preparación do Mes do cómic nas Bibliotecas e na nosa tradicional presencia na rúa da BD de Viñetas desde o Atlántico. Tan inmersos andamos que aínda non partilláramos no noso blog o cartel desta XX edición do Festival así como información que xa foi comunicada ata o momento: convidados e exposicións. Para seguir todas as novas do Festival, o mellor e consultar a súa páxina web e redes sociais: www.vinetasdesdeoatlantico.com

Viñetas celebra os seus primeiros vinte anos cunha reivindicación formal da súa quintaesencia galega, esa identidade que é a marca da casa do Salón do Cómic da Coruña. Un Salón, xa de entrada, de carácter internacional, e aínda por riba, un, que malia estar feito dende unha cidade periférica europea de apenas 250.000 habitantes, con tesón e non pouco traballo tense convertido nun dos máis respectados que existen hoxe en día. Un referente.

Pensase o que pensase o mestre Gardel, vinte anos dan para moito. O Salón Internacional de Cómic auspiciado polo Concello hai dúas décadas, abre as súas portas o vindeiro 7 de agosto cunha homenaxe polo miúdo aos sobranceiros que foron pasando polo Kiosco Alfonso e mais esoutras salas que acollen sempre o Festival. Incluída a vella Autoridade Portuaria, a primeira sede que tivo Viñetas ata que foi demolida en 2002. “A banda deseñada galega nos vinte anos de Viñetas” é tamén unha exposición novidosa, conceptualmente falando. Por primeira vez, o público que asista este verán ao Salón coruñés do Cómic terá de diante unha mostra retrospectiva-comparativa da evolución deses galegos que recalaron na cidade nestes anos (na sala de Afundación).

Son nomes imprescindibles da escena actual da banda deseñada galega. En concreto, Fran Jaraba, Fernando Iglesias, Xaquín Marín, DasPastoras, Fran Bueno, Alex Cal, Emma Ríos, Víctor Rivas, David Rubín, José Domingo, Fausto Isorna, Jano, Martín Romero e Ramón Marcos.

Á marxe, o vigués Kiko da Silva, autor multipremiado, director da Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración, “O Garaxe Hermético”, contará coa súa propia mostra. Poderá visitarse no Kiosco Alfonso.

DasPastoras, un entre vinte

Alén de festexar eses vinte anos ao lombo, Viñetas 2017 é unha edición de todo excepcional. O seu director, Miguelanxo Prado, quixo xogar esta volta a cambialo todo do festival aínda sen alterar un chisco aquilo que o caracteriza; a súa especificidade, por así dicir.

Daquela, tamén por primeira vez na historia do Salón, o cartel deste 2017 non lle foi encargado coma sempre a un dos convidados no 2016, senón a un autor galego con maiúsculas, DasPastoras. Certo que Xulio Martínez Pérez, DasPastoras, asinara o de 2002, pero, tal como di Miguelanxo Prado: “queriamos que o vixésimo cartel fose diferente, un que, na medida do posible, salientase dentro desa magnífica colección que fomos xuntando neste tempo”. Algo, admite Prado, difícil de partida. “O listón estaba alto, ben se pode comprobar na exposición de carteis que Viñetas leva cada ano á Torre de Hércules. Así que pensamos en pedirllo a DasPastoras, pola súa particularísima liña de traballo. O certo é que non dubidou en quedar co reto. E á vista está o resultado”.

Música e banda deseñada, o Nash de McKean

Outra das innovacións que trae a edición número vinte do Salón Internacional é a programación dun espectáculo audiovisual co cómic como protagonista. Trátase do “Black Dog, the dreams of Paul Nash” de Dave McKean, unha sesión de música en vivo con proxección das imaxes que ilustran a novela gráfica que publicou McKean ao redor do británico Paul Nash, un dos nomes claves no nacemento dos movementos modernista e surrealista. Terá lugar o propio día da inauguración, luns 7 de agosto, na Fundación Barrié.

O acceso ao espectáculo “Black Dog” será mediante invitación. Mesmo así, as ilustracións que compoñen a obra do polifacético McKean (músico, debuxante, guionista) inspirada en Nash, si se poderán visitar durante todo Viñetas na sala municipal de exposicións de Palexco.

O plantel de convidados

O elenco de convidados a Viñetas 2017 é moi potente. Visitaranos Eduardo Risso, considerado por moitos un dos mellores debuxantes do mundo, é  ganador de catro Premios Eisner e o elexido para  resucitar a Torpedo, man con man con Abulí. Tamén Dave McKean, unha das voces creativas máis destacadas do Reino Unido. Debuxante, pintor,  deseñador  gráfico,  fotógrafo,  cineasta  e  músico, deixa  sen  dúbida  unha pegada  indeleble  no  mundo  do  cómic.

Os afeccionados poderán coñecer a Ralph Meyer, quen co tamén francés Xavier Dorison, son os pais de El enterrador (Undertaker), unha das obras de máis sona do cómic europeo dos últimos anos.

Viñetas contará tamén ca presenza de Javi Rey, o autor da adaptación ao cómic da novela Intemperie (Seix Barral, 2013), do  escritor Jesús  Carrasco,  baixo  o  selo  Planeta  Cómic,  traballo que  lle  reportou o Premio a Mellor Autor Revelación no Salón do Cómic de Barcelona deste ano.

Cameron  Stewart representa  na  vixésima  edición  de  Viñetas  desde  o  Atlántico aos debuxantes de superheróes coñecidos en todo o planeta. Stewart  participou na recreación e modernización do personaxe Batgirl para DC e destaca, na súa faceta como autor independente, por títulos coma El Club de la Lucha 2 ou Sin Títuto. Levan a sua pegada  Scooby Doo, Superman Adventures e Os  Invisibles.

Outro dos convidados é un dos nosos, Kiko da Silva, quen xunto  ao  libreiro  pontevedrés Cano Paz fundou  en  2002  a  revista BD  Banda, primeira revista en lingua galega que recibiu o Premio do Xurado do Salón Internacional de Cómic de Barcelona. Entre  os seus proxectos máis ambiciosos figura  tamén a creación  no  2012  da primeira escola profesional de  cómic  e  ilustración  de  Galicia, O Garaxe Hermético.

O Salón trae á cidade a Natacha Bustos, a debuxante de “Chernóbil: la zona”, unha novela gráfica que rende homenaxe ás vítimas da catástrofe nuclear de Ucraína  e  que  chegaría  a  ser  publicada  en  países  como  Corea,  Xapón  e  Francia,  ademais  de España.  Esa  novela  supúxolle  o  premio  Tournessol  do  Festival  de  Angoulême  2012. Na actualidade, Bustos está inmersa nunha incipiente carreira no xigante Marvel, e destaca pola súa obra Moon Girl e o Dinosaurio Diabólico.

De Francia virá Nob (Bruno Chevrier), o creador de Mamette  (Naneta, en España) a  avoa  que  se  comporta  como  unha  nena, obra que o consagrou  como  autor e que xa vai por cinco tomos.  Con ese título  obtivo  o  premio  Millepage outorgado polos libreiros franceses.

A eles se suma Pablo Auladell, Premio Nacional de Cómic 2016 por “El Paraíso Perdido” . Unha década antes foi Premio Autor Revelación no Festival Internacional de Cómic de Barcelona con “La  Torre  Blanca”, tamén  nomeada  ao  mellor  debuxo  e  á  mellor obra  española. Paralelamente destaca como ilustrador, sendo recoñecido co Premio do Ministerio de Cultura a las Mejores Ilustraciones de Libros Infantiles y  Juveniles en  2005  por “Peiter,  Peter y Peer y  otros cuentos  de  Andersen”.

Viñetas contará tamén coa presenza de Rayco  Pulido, o autor de “Sin título:  2008-2011”. Trátase  dunha  meta-ficción na que combina foto e realidade con un personal estilo gráfico. Este creador é o artífice das novelas Nela (baseada na Marianela de Galdós) e Lamia, dúas destacadas obras que lle valeron sendas nominacións no Salón do Cómic de Barcelona. Durante  o  pasado  mes  de  abril,  a  revista El País  Semanal  publicou  a  súa  primeira  incursión  no cómic reportaxe: “La herencia de  Franco”, unha  historieta  de  dez  páxinas  desenvolvida  xunto  ao xornalista Xosé  Hermida (recente  Premio  Couso  outorgado  polo  Colexio  de  Xornalistas) na  que destripan a parte máis suculenta dos negocios da familia Franco.

Outra convidada é Julie Rocheleau, quen resucitou a Fantomas, o auténtico predecesor dos súper viláns de cómic e destacou na escea da novela gráfica con “A petite patrie”, unha obra baseada na autobiografía de Claude Jasmin. Nas súas páxinas faise unha crónica da vida nun popular barrio de Quebec nos anos 40.

Por se fose pouco, Viñetas 2017 exporá a obra do último premio Castelao da Deputación de A Coruña, o “Fóra do mapa” de Emilio Fonseca. Ademais, tal como adoito, durante o Salón fallarase e darase a coñecer o premiado co Castelao este ano.

Premios Nacionales á carta, 2007-2016

2017 é un ano especial para a novena arte mesmo en termos xerais: cúmprense tamén dez anos da existencia dos Premios Nacionais de Cómic que outorga o Ministerio de Cultura. É o motivo de que Viñetas se sume á festa e ofreza a exposición “Dez anos de Premios Nacionais”. Aí estarán dende as páxinas do primeiro agasallado, Max, en 2007, ata as do último premiado polo de agora, Pablo Auladell (2016). Os Premios Nacionais que virán a Viñetas son Juanjo Guarnido,Antonio Altarriba, Juan Díaz Canales, Santiago Valenzuela, Alfonso Zapico, Pablo Auladell e o propio Miguelanxo Prado, director do Salón.

Unha carpa renovada, obradoiros e citas editoriais

Este XX Viñetas desde o Atlántico vén asemade cunha renovada carpa para actividades; un espazo emprazado no medio e medio da feira de historieta que adoita concentrar en cada edición a moito amante do cómic. Alí terán lugar as actividades paralelas que capitanea Xosé Tomás, cos obradoiros como eido central. Servirá, ademais, para acoller as charlas editoriais sobre os debuxantes e guionistas presentes na edición 2017 ou as propias sinaturas de exemplares e presentación das novas novelas gráficas deses autores que, polo xeral, programan as empresas editoras.

Dúas sedes máis na cidade, Afundación e a Fundación Barrié

Viñetas engade dúas novas sedes nesta vixésima ocasión:  Afundación, da Obra Social Abanca, e a propia Fundación Barrié. Todos os espazos expositivos do centro neurálxico da cidade quedan, daquela, ao dispor do Salón.

Afundación, acollerá a mostra sobre “A banda deseñada galega nos vinte anos de Viñetas”. Ademais, na súa sala de conferencias desenvolveranse, o venres 11 de agosto, as charlas cos Premios Nacionais de Cómic que virán ao Salón e tamén co autor Eduardo Risso e o guionista Abulí.

A Fundación Barrié, pola súa banda, conterá a exhibición dedicada a eses “Dez anos de Premio Nacional de Cómic”. Será alí tamén onde se proxectará o espectáculo de Dave McKean, o día 7 de agosto.

Mais o Kiosco, Palexco, a Torre, María Pita e Durán Loriga

Eduardo Risso exporá a súa obra no Kiosco Alfonso. Presentará, xunto a Enrique Sánchez Abulí, a nova entrega do clásico “Torpedo”, tras anos de espera por parte dos afeccionados. No Kiosco estarán igualmente os orixinais dos convidados Ralph Meyer, Cameron Stewart e Julie Rocheleau.

A sala municipal de exposicións Palexco terá orixinais de Nob (Bruno Chevier), Rayco Pulido e Natacha Bustos.

A sala de exposicións do pazo de María Pita acollerá a obra do Premio Nacional de Cómic 2016, Pablo Auladell, mentres que a sala Salvador de Madariaga exhibirá “Da novela ao cómic” (cortesía de Planeta), coas adaptacións en viñetas de “Intemperie” (Jesús Carrasco), por parte de Javi Rey e mais a triloxía do Batzan (Dolores Redondo), a cargo de Ernest Sala.

Todo esto é o primeiro que comunicaron dende a organización do Festival, pero a medida que se vaian achegando as datas de celebración, do 7 ao 13 de agosto, iremos coñecendo máis detalles desta vixésima edición do Viñetas.

E non queremos deixar de recordarvos tamén que xa está anunciadas datas e lugares do microfestival de autoedición e BD de autor Autobán: venres 11 de agosto en Nave 1839 e o sábado 12 en La Maleta e outros bares da rúa Orzán. O cartel é obra da nosa querida Xulia Pisón.

Anuncios