Coruña Gráfica nace no ano 2015 como unha guía profesional das autoras e autores gráficos da Coruña e a súa área de influencia. No ano 2016 organízase tamén unha exposición coas obras das autorías presentes na guía e, xa no 2017, lánzase un completo programa de actividades centradas nun dos aspectos fundamentais da ilustración: o humor gráfico.

Nas bibliotecas teremos a oportunidade de realizar, da man de Alberto Guitián, tres obradoiros de humor inocente os días 16, 23 e 30 de decembro nas Bibliotecas Infantil e Xuvenil de Durán Loriga, Fórum Metropolitano e Ágora, respectivamente. Para poder asistir é necesaria a inscrición que, coma sempre, abrirase 7 días antes de cada un dos obradoiros.

Pero o máis inmediato é a inauguración da exposición “Desde Coruña con humor”, este xoves 30 de novembro, ás 19:30 h na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (rúa Durán Loriga) e que poderá visitarse ata o 31 de xaneiro de 2018. E, ao día seguinte, o encontro “Humor gráfico con tetas”, no que tamén estará representado este grupo de traballo das Bibliotecas Municipais.

Desde Coruña con humor 2017

 

O programa de actividades paralelas da exposición Desde Coruña con humor comeza esta fin de semana co encontro “Humor gráfico con tetas”, unha iniciativa “na procura de canles para reflexionar sobre feminismo potenciando o humor gráfico como ferramenta”.

O encontro, que terá lugar na Casa Museo Casares Quiroga (rúa Panadeiras, 12), comezará ás 18:00 deste venres, 1 de decembro, cunha charla da profesora da Universidade da Coruña María José Mosquera, baixo o título «Humor e feminismo». A continuación, a partir das 20:00, a mesa redonda «Humor con tetas» contará coa profesora Mosquera e mais as ilustradoras Xulia Pisón e María Álvarez Hortas, Yupiyeyo, e con Manel Cráneo como moderador. Estarei tamén eu, Sira González, como bibliotecaria e integrante do grupo de traballo Fancómic.

O sábado 2, no mesmo lugar e a partir das 10:00, Xulia Pisón e María Álvarez impartirán o obradoiro de ilustración «Viñetas con tetas», dedicado ao humor gráfico en feminino.

María José Mosquera é membro do Grupo de Estudos de Xénero, Actividade física e Deporte da Universidade da Coruña. Pola súa parte, Xulia Pisón María Álvarez, Yupiyeyo, son ilustradoras e autoras de cómic e humor gráfico, e ambas as dúas están presentes coa súa obra na exposición Desde Coruña con humor.

A asistencia a calquera das actividades —enmarcadas dentro do proxecto Coruña Gráfica, que busca potenciar e visibilizar o sector da ilustración na cidade da Coruña e a súa área de influencia— é libre e gratuíta. Para participar no obradoiro do sábado é preciso inscribirse na propia Casa Museo Casares Quiroga, ou a través do teléfono 981 189 856.

Non deixedes de seguir esta nova andaina do proxecto, que conta cunha versión ampliada da guía dixital de ilustración e unha web propia.

Anuncios