Mañá, sábado 16 de xuño, ás 19:30 h. cita ineludible na librería Alita Cómics (Orzán) cun dos nosos autores favoritos: Nadar. Na conversa estará tamén Eduardo Maroño, que desde 2005 escribe sobre cómics no seu blog Un ollo de vidro.

A nova publicación do autor valenciano Nadar, ¡Salud!, ilustra unha historia de Philippe Thirault, baseado nun caso real, e que ten lugar na cidade de A Coruña nos últimos meses do franquismo. Nadar comentará esta obra cos lectores e fará unha sesión de dedicatorias a partir das 19 horas.

En ¡Salud! cóntase a historia real de Antoine, un parisiense de espíritu libertario que casou cunha galega a principios dos anos setenta do século XX e instalouse na Coruña, onde abriu un exitoso restaurante. As cousas ían ben, pero os seus problemas coa bebida e as súas refregas co réxime franquista puxéronlle as cousas difíciles.

Encontro con Nadar en Alita Cómics

Nadar naceu baixo o nome de Josep Domingo en Castelló de la Plana en 1985. A súa afección polo debuxo e polos cómics levouno a estudar Belas Artes en Barcelona e a presentarse e ser galardoado en varios concursos e certames. A súa paixón tamén o levou a publicar historias curtas na revista de cómic “Dos veces Breve” e noutros fanzines. En 2012,mentres traballaba como libreiro, foille concedida a prestixiosa bolsa de cómic Alhóndiga Bilbao, que lle permitiu pasar un ano na Maison des Auteurs de Angoulême (Francia), desenvolvendo a novela gráfica “Papel Estrujado, que viu a luz da man da editorial vasca Astiberri no ano 2013. Trátase dunha das novelas gráficas mais destacadas dos últimos anos, e conseguiu o Premio á Mellor obra por votación popular no XXXII Saló do Comic de Barcelona (2014). Con “El mundo a tus pies” (Astiberri, 2015), consegue as nominacións a mellor obra de autor español e autor revelación no Salón Internacional del Cómic de Barcelona 2016, así como o premio de “Entender el presente” no Salón Splash Sagunt do mesmo ano. ¡Salud! (Astiberri, 2018) é a última obra que por agora ve a luz en España, e case ao mesmo tempo que se publicaba en España, en Francia aparecía Avec Édouard Luntz, o proxecto no que estivo traballando co guionista Julien Frey e que chegará ás librarías españolas o próximo ano.

Anuncios