Na Biblioteca Os Rosales levamos anos traballando con mimo as editoras independentes que destacan por un traballo arriscado, cun catálogo de calidade e onde a edición xoga un papel determinante á hora de atraer ao público lector cara aos seus libros.

Facemos mostras temporais onde agrupamos todos os cómics que temos dispoñibles nese momento. Tentamos así aos nosos visitantes polas cubertas… Fermosa tentación!

Neste caso queremos celebrar os 40 anos dun selo independente imprescindible nas nosas comictecas: Ediciones La Cúpula. Naceu no ano 1979 e está especializada en cómic de autor e novela gráfica, nacional e internacional.

E que raro que todas as novidades de La Cúpula que mercamos en Rosales estén prestadas… 😉 Podedes ir facendo reservas de títulos como: Dos Monedas, En un rayo de sol ou Laura Dean me ha vuelto a dejar por exemplo. Os seus cómics triunfan entre o noso lectorado. E para mostra, un botón!

Podedes consultar a colección de La Cúpula dispoñible na Bibliotecas Municipais entrando no noso catálogo. Esperámosvos.