Hoxe comeza un novo ciclo de Coruña Gráfica: Medicina Gráfica. As actividades, que inclúen proxeccións, mesas de debate, unha exposición, a publicación dun libro e un taller centran a súa mirada nunha nova corrente científica que usa a banda deseñada como terapia e medio divulgativo para ilustrar sobre os temas relacionados coa saúde, dirixido tanto ao persoal profesional sanitario como ás/aos pacientes.

Coa intención de estar sempre na vangarda e cos ollos abertos ás novas tendencias profesionais da ilustración, a proposta Coruña Gráfica 2019 busca profundar neste novo camiño da medicina gráfica cunha selección de 10 invitadas/os que compartirán a súa experiencia.

Programa:

  • Mércores 6:

– 18:30 Presentación das xornadas

– 18:45 Medicina e banda deseñada, con Mónica Lalanda. Presentación do concepto de Medicina Gráfica a cargo dunha especialista pioneira neste campo en España. Radiografía do panorama de novela gráfica e cómics relacionados coa saúde e a súa importancia a nivel educativo e divulgativo.

– 19:45 Con-ciencia médica. Mesa redonda con César Pereiro, Mónica Lalanda e Juan Díaz-Verde. Modera: Manel Cráneo. Especialistas en psiquiatría, medicina xeral e urxencias falarán da súa experiencia coa banda deseñada como medio de comunicación e divulgación.

  • Xoves 7:

– 18:30 Divulgación médica en banda deseñada, con Santy Gutiérrez e Luis Sendón. Charla deste tándem de autores de dúas BD divulgativas, unha sobre consumo de cannabis e outra sobre esquizofrenia.

– 19:30 O mundo púxose ao revés. Historias sobre o dano cerebral adquirido, con Begoña Hermida, directora de FEGADACE. Presentación da curtametraxe de animación de Miguel Gallardo realizada para a Federación Galega de Dano Cerebral e proxección de varias curtas do mesmo autor sobre saúde mental.

– 20:00 Unha posibilidade entre mil, con Cristina Durán e Miguel Á. Giner Bou. O proceso de realización e a odisea vital da novela gráfica na que contan a historia da súa propia filla, que sufriu graves danos cerebrais na fase de posparto.

  • Venres 8:

– 11:00 Banda deseñada entre batas e goteros. Taller de guión dirixido por Miguel Ángel Giner Bou, no laboratorio da Domus. Sesión práctica de 150 minutos para aprender a facer un guión partindo da experiencia que ten neste campo o autor. Con inscrición previa. Prazas esgotadas.

– 18:00 Saúde mental, unha experiencia persoal en banda deseñada, con Bea Lema, autora de El cuerpo de Cristo, obra gañadora do Premio Castelao de Banda deseñada 2018, da Deputación da Coruña. A obra trata sobre as doenzas mentais, un tema que aínda resulta un tabú na sociedade.

– 19:00 Faladoiro: BD e saúde mental, con Cristina Durán e Bea Lema, moderadas por Juan Bonome. Conversas sobre a fraxilidade da mente e a BD como terapia.

– 19:45 El club de las batas blancas, de “Yo, doctor”, con Juan Sánchez-Verde. As experiencias dos médicos de urxencias contadas sen censura nunha novela gráfica, desde a visión persoal de dous profesionais en primeira persoa.

A entrada ás actividades é libre ata completar a capacidade, excepto ao taller do venres 8, que precisa inscrición previa.

Coruña Gráfica é un proxecto de Demo Editorial desenvolvido co apoio do Concello da Coruña que supón un censo representativo do panorama da ilustración na Coruña e a súa área metropolitana e un escaparate promocional das autoras e dos autores. Organizado por Coruña Gráfica, coa colaboración dos Museos Científicos-Concello da Coruña.

Nas Bibliotecas Municipais podedes consultar toda a programación e levar en préstamo cómics que tratan as máis diversas enfermidades e que mostramos baixo o lema de “Medicina Gráfica”: