Finou o debuxante Albert Uderzo, creador xunto a René Goscinny de Astérix e Obélix. Serie inolvidable para tantas xeracións de lectoras e lectores de cómic… Sería extraño que algunha ou algún de nós, non teña lido polo menos algún dos 34 álbumes debuxados por Uderzo.

Na miña casa, era [e é] a miña nai a que coleccionaba os cómics de Astérix e Obélix. Os primeiros 24 títulos creo recordar que viñan en packs de tres polo Círculo de lectores ou non sei que subscrición… Pero que emoción recibilos. Logo foi mercando número a número. Hoxe en día, son eu a que lle sigo completando a colección, aínda que xa non sexa o mesmo… Pero forma parte da nosa memoria afectiva. Os domingos á mañá, despois do almorzo, volver á cama a ler 3 ou 4 títulos. Un pracer inesquecible. E ese ritual hoxe repíteo o seu neto, coa mesma fascinación que daquela… E así con millóns de nenas e nenos e novxs e adultos arredor de todo o mundo, sendo o cómic máis traducido, puidendo lerse en máis de 100 linguas diferentes.

E ao igual de que en practicamente todas as nosas casas temos títulos dos xeniais galos, en todas as nosas Bibliotecas Municipais contamos coa colección deste clásico do cómic francobelga, hoxe en día tamén en galego grazas ao labor de Xerais e como non das míticas adaptacións aos debuxos animados, que seguen a ter un éxito total entre a cativada que nos visita cada día.

Tocan días de ficar na casa. Polo ben común. Cada familia deseña o seu xeito de pasar a cuarentena o mellor que pode. Dende o equipo Fancómic recomendámosvos, na medida do posible, que o fagades lendo, e nada mellor que as historias de Astérix para evadirse na aventura, con humor, e a través de historias que conectan xeracións. Probádeo!

Recomendámosvos ler sobre a figura de Uderzo no fermoso artigo de Jesús Jiménez para o blog de Viñetas y bocadillos de RTVE. Un debuxante que foi máis alá de Astérix, defensor dos dereitos de autor e moi querido polo público lector.