Trala exitosa colaboración entre Fancómic e o Club de Lectura LGTB quixemos dar un paso adiante na relación interclubes recomendando, a través de varios posts, tebeos relacionados coa cultura LGBT+. Buceando no catálogo das bibliotecas atopamos unha gran variedade de obras, algunhas coñecidas e outras non tanto, das que poñemos aquí unha pequena escolma. Desta selección sobresale, ante todo, a súa calidade narrativa e visual e as ganas dun encontro conxunto (CLC+Queeruña). Ahí vos van:

Anarcoma. Nazario. Ediciones La cúpula: En 2017 reeditouse por primeira vez en tomo recopilatorio Anarcoma. Un hito do cómic homoerótico de finais dos 70 principios dos 80 que durante varios anos pululou por diferentes revistas desvergonzadas e insolentes que xa non existen. Un tebeo que mestura novela negra con travestismo nos baixos fondos da cidade condal. Imprescindible obra catalogada polas autoridades alemanas da época como perxudicial para a xuventude.

The Authority. Warren Ellis e Bryan Hitch. Norma: Agora parece bastante normal que os superheroes saian do armario, pero hai pouco máis de 20 anos, cando apareceron Apollo e Midnighter en Authority, foi toda un revolución. Xa non só porque a acción do tebeo non se centrase na súa situación sentimental e esta estivese completamente normalizada dentro da trama sen ningún tipo de drama; senón porque Apollo é unha transfiguración narrativa de Superman e Midnighter de Batman. BOOOOMMMM!!!!

Degenerado. Chloe Cruchaudet. Dibbuks: Obra esencial para entender a revolución que se está a producir no cómic europeo nas últimas decadas. Unha obra baseada en feitos reais que obtivo multitude de premios internacionais e que impulsou a carreira da súa autora. Unha historia sobre a guerra, a búsqueda da propia personalidade, a angustia e a identidade sexual no París da primeira metade do S. XX.

Lo que más me gustan son los monstruos. Emil Ferris. Reservoir Books: Tebeazo que se converteu no cómic máis laureado de 2019 con 3 premios Eisner, multitude de premios nacionais e internacionais e unha nominación aos premios Hugo. Unha historia sobre os monstros reais e imaxinarios que aparecen no caderno dunha nena freak que quere ser unha detective-lobo. A través da súa propia interactuación con ela mesma e cos demáis, afondarase na psicoloxía humana, a sexualidade, a guerra… e o secreto mellor gardado do seu vecindario.

MW. Osamu Tezuka. Planeta De Agostini: En 1976 o pai do manga comezaba este durísimo thriller de carácter político que acabou por converterse na mellor obra da súa etapa escura. As accións vanse sucedendo de maneira desenfrenada nunha historia que, adaptada aos novos tempos, reflicte o antigo “camiño do asasino” do código samurai amparado pola sede de vinganza do protagonista.

E se despois de todas estas recomendacións de temática LGTB quedades con ganas de saber máis, non tedes máis que ir ao blog do Club de Lectura LGTB Queeruña para saciar a vosa curiosidade.