Carvalho Calero terá a súa propia novela gráfica, para a que se acaba de poñer en marcha unha campaña de mecenado online na plataforma Verkami. Iván Suárez, premio Castelao de Banda Deseñada polo cómic sobre Castelao, será o responsable gráfico da obra, que editarán Através Editora e Demo Editorial.

Xico Paradelo, Irene Veiga e Iván Suárez están a cargo desta iniciativa, que propoñen como “unha viaxe no tempo até o Ferrol de comezos do século XX, no que o neno Ricardo Carvalho Calero naceu”. Ricardo Carvalho Calero. Coraçom de Terra preséntase como unha obra de ficción, pero toma a súa base de feitos reais e recolle textos do propio autor para ilustrar a vida do homenaxeado no Día das Letras Galegas 2020.

Viñeta do cómic "Carvalho, coraçom de terra"

A novela gráfica contará, ao longo de 124 páxinas e diferentes capítulos independentes, unha serie de etapas e efemérides transcendentais da historia de Galiza nos que o intelectual tivo o seu papel. A historia comeza en Lisboa no 96, nunha realidade alternativa na que ‘Don Ricardo’ vai tomar a palabra no acto da fundación da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa, imaxinando como a súa vida se o pasado transcorrese de forma diferente.

Con textos de Xico Paradelo, en colaboración con Irene Veiga e Carlos Rafael, a obra ofrécenos un retrato do galeguismo dos anos 20, a Xeración Nós, a Guerra Civil e a represión ou a chegada da lingua ao mundo universitario, e propón unha reflexión a partir da traxectoria vital do intelectual ferrolán sobre a construción da lingua e a cultura actuais.

En palabras do propio Xico Paradelo, nunha entrevista para o Diario Nós, esto é o que encontraremos nesta novela sobre Calero:

“É uma novela que nos conta certos momentos pontuais da linha biográfica de Ricardo Carvalho Calero, mas nem tudo o que se narra é realista. Escolhemos seis momentos da sua vida. Nós decidimos aplicar a própria estrutura que ele utilizou quando fez Scórpio, que é fazer como uma história autobiográfica com elementos fantásticos ou elementos não reais. Imaginamos e inventamos as aventuras de Ricardo como criança em Ferrol, um dia de passeio com os seus amigos galeguistas em Compostela, no Seminário. É uma banda desenhada em que se contam várias histórias, não é uma biografia rigorosa, mais sim uma forma de visualizar como foi essa vida. Arranca com uma pergunta, que teria acontecido se Ricardo Calero não tivesse morto, se Alexandre Bóveda, Castelao ou Otero conseguissem levar adiante essas ideias, se o Estatuto da Galiza fosse aprovado. Onde o galeguismo pudesse ter o seu programa. Partimos de aí, para visualizar algo que ele diz, que o futuro tem que ser corrigido. E ele e a sua geração viam um futuro que não é este no que estamos pelo golpe de Estado de Franco.”

Viñetas do cómic "Carvalho, coraçom de terra"

Para estar ao tanto do cómic e da súa campaña, podedes seguir as redes sociais do proxecto en: