Co gallo do Día das Letras Galegas pregunteille ao resto de compañeirxs que conformamos o grupo Fancómic cal era o seu cómic de autor/x galegx e/ou cómic escrito en galego favorito e por que. O resultado: un marabilloso compendio de obras, autorxs e editoriais tan diferentes como imprescindibles que poderedes (re)descubrir en canto abramos de novo. De momento temos que conformarnos con saber cales son. Aquí está o noso TOP 7 particular:

O corpo de Cristo. Bea Lema. Deputación de A Coruña. O cómic en galego favorito de Inés é esta novela gráfica de Bea Lema, ilustradora e deseñadora coruñesa, coa que se erixiu como a primeira muller en gañar o Premio Castelao de Cómic da Deputación da Coruña. Dinos dela que: É unha historia autobiográfica sobre a convivencia dunha nena coa súa nai, que ten unha enfermidade mental. Gústame polo contraste entre a sinxeleza do debuxo e a dureza do contido, e pola naturalidade coa que a nena se enfronta á súa situación. ​

De Profundis. Miguelanxo Prado. Norma. Está oda ao atlántico é o cómic, feito por un autor galego, favorito de Sara. Esto é o que di del: Todo aquel que se sinta fascinado polo mar quedará namorado deste cómic, convertido tamén película polo mesmo autor: Miguelanxo Prado. “De Profundis” é o meu cómic galego preferido pola beleza e misterio que transmiten as súas ilustracións, capaces de enfeitizarnos e somerxirnos nun mundo fantástico cheo de fermosas criaturas.

Duerme Pueblo. Xulia Vicente. La Cúpula. Gema teno claro: como boa fan das novelas de intriga, das supersticións e os contos de meigas das aldeas que me contaba a miña avoa, este tiña que ser un dos meus cómics favoritos. Anúnciase como «un relato do Norte profundo que referenda o vello devandito: pobo pequeno, inferno grande» e así o cumpre. Personaxes do rural como: un alcalde, unha bruxa, un cura e unha nena orfa, entre outros, conforman as páxinas dun cómic cheo de supersticións, agoiros e sospeitas. Un pobo onde aparece un cadáver, podería ser un acontecemento do máis importante, pero aquí non é o máis destacado  do relato. Asegúrovos que o verdadeiro valor vén buscando ao asasino, xa que nesa busca descubriredes o que hai detrás de cada un dos personaxes; e o menos sospeitoso… Mentres toda a aldea dorme, algo se move entre as sombras…​

Grandarroiba. Cristian F. Caruncho. Demo Editorial. Aquí temos a recomendación da nosa compa Sira. Un cómic que aínda non temos nas biblios pero que pronto o poderedes ler: Canto talento no primeiro cómic longo de Cristian F. Caruncho! “Grandarroiba” reivindica o rural, aos nosos maiores e a tenrura como o mellor xeito de achegarnos ás persoas feridas… Vaivos encantar cando volo atopedes nas nosas comictecas. Editado por Demo Editorial, en branco e negro, destaca a expresividade das personaxes, moitas traídas do entorno próximo do autor, preto de Cedeira.

Lois Pereiro: Breve Encontro. Jacobo Fernández Serrano. Xerais. Esto é o que di o noso compañeiro Antonio da súa elección: Este cómic é un achegamento á biografía e á obra do poeta Lois Pereiro. Debuxado en B/N, foi unha auténtica sorpresa para min, chea de recursos gráficos e que zumega poesía en cada páxina. A través desta biografía en viñetas descubrín a un autor xenial e lúcido cunha obra non moi longa pero estimulante. Ademais, está cheo de referencias aos poetas e as creacións que o influenciaron como Baudelaire, Bernhard ou Manuel Antonio. En canto a Jacobo Fernández, máis coñecido polos seus traballos de literatura e banda deseñada dirixidos ao publico infantil, con éxitos coma “Marcopola” ou “Mil cousas poden pasar”, revelouseme como un debuxante de gran versatilidade no grafismo para mostrar a vida e morte do poeta morfontino.

Nordés. Kike J. Díaz. Autoeditado. A nosa compa, María Ferreiro di de Nordés: É un cómic ambientado en Ribadeo cuxa trama vira ao redor da tráxica morte de varias persoas, entre elas, o Marqués de Sargadelos. Na miña memoria quedan gravadas as imaxes do lamentable estado no que se atopa a Torre dos Moreno. Pregúntome o porqué desa decadencia, cústame crer que ninguén se implique na súa restauración. Pode ser que a miña xeración sexa a última que goce desa pequena historia de Galicia… polo cal vou recomendar con máis entusiasmo este cómic. A miña admiración, sen dúbida, vén por estar enmarcado na Mariña Lucense. Ler unha boa historia nun lugar próximo, onde tes amigos, onde paseas polas mesmas rúas que ilustra o autor…con estes detalles son un pouco máis consciente, se cabe, do encanto de Galicia.

Un home Feliz. Antonio Seijas. Lea Editorial. E aquí vai a miña recomendación, a miña BD favorita en galego e dun autor galego. Lembro que durante moito tempo as súas páxinas roldaron na miña cabeza. Esa mezcla de pesimismo, soidade e imposibilidade de escapatoria debido á culpa prendoume tanto que me vin na obriga de facer esta reseña. Unha obra personal e tremendamente pasional que afonda na psicoloxía, individual e colectiva, a través dun ambiente errático e escuro. Ilustracións pouco convencionais para un cómic que tamén o é.