Hai unhas semanas anunciabamos no blog a posta en marcha da campaña de mecenado online en verkami para editar o cómic sobre Ricardo Carvalho Calero, homenaxeado das Letras Galegas 2020. E este mesmo luns pechou con éxito. Tanto que así nolo contan aos seus mecenas:

“Há 40 dias, a Através Editora e a Demo Editorial, en colaboración con AGAL e BD Banda, começamos um sonho. Dispúnhamos desse tempo para atingir 2500€ e melhorar a qualidade de edição da biografia em BD de Ricardo Carvalho Calero, criada por Xico Pardelo, Irene Veiga e Iván Suárez. O sonho cresceu dia a dia graças a todos os vossos contributos.

Estamos realmente abismados de todas as metas que fomos superando juntos até conseguirmos 362% do objetivo inicial. Só podemos agradecer e manifestar a alegria e entusiasmo que isto nutre ao esforço e trabalho de tantos meses investidos nesta nossa, também vossa, aventura.”

Cuberta do cómic "Carvalho, coraçom de terra"
Fermosa cuberta do cómic, ilustrada por Iván Suárez

No mes de xuño veremos materializado por fin o traballo de tantas persoas implicadas no proxecto: un libro que permita danzar cun persoaxe fundamental da nosa historia, alguén que liga o galeguismo da segunda república, pasa por Galaxia e acaba no reintegracionismo. Pensaron en moitos públicos, entre eles os adolescentes, porque querían facilitarlles o contacto co autor dunha forma diferente e accesible. E a banda deseñada é un formato ideal para isto. Ben o sabemos!

Así que aquí vai un pequeno adianto de Carvalho, coraçom de terra, grazas á xenerosidade dos seus editores por compartilo en primicia cos lectores e lectoras de Fancómic: Pdf coas primeiras páxinas do cómic Ricardo Carvalho Calero.

Estamos desexando ter a obra nas nosas mans e que nos sirva tamén para Desconfinar a lingua. Precisamos moitos máis cómics galegos e en galego. Xa o luns, o compañeiro Iván recompilou algúns dos nosos favoritos. ¿Mostrádesnos cales son os vosos?

E xa para rematar e resumir, varios convites dende o grupo Fancómic:

  • Mercar e/ou tomar en préstamo o cómic sobre a figura de Ricardo Carvalho Calero. A partir de xuño, dispoñible en librarías e bibliotecas.
  • Botar un ollo a unha nova campaña de mecenado en verkami: neste caso cun cómic de Manel Cráneo de total actualidade: Corona-Bios. Xa nos contaredes que vos parece. O vídeo presentación do proxecto é total 😉
  • E sumarvos á campaña en redes para #DesconfinarALingua coas vosas obras de creación en galego favoritas. Con todas as fotografías recollidas, faremos unha completa guía de lectura.

Nesta ocasión, a aposta das Bibliotecas Municipais da Coruña para festexar o Día das Letras Galegas pasa por #DesconfinarALingua, amosando a nosa cara este 17 de maio nas redes, con máscaras de libros, discos, publicacións e filmes na nosa lingua, como xeito de os mostrar, recomendar e dar a coñecer.