Último encontro do curso para pais, nais, fillas e fillos da Biblioteca Os Rosales, donde tentamos achegarvos varias temáticas baixo unha visión sinxela, amena, con humor e empregando os recursos dos que dispón a Biblioteca xunto á colaboración de diferentes profesionais.

Para este último encontro do curso 2019-2020, as bibliotecarias partimos da base de que ler cómic é ler. Antes, cando as nais e pais eramos pequenos, todos liamos tebeos. Pero ao medrar, moitos quedamos coa idea de que o cómic é unha lectura menor, de entretemento. Cousa de nenxs (co importantes que son as cousas de nenxs!). Pero o certo é que o mundo editorial está cheo de propostas de cómics para o público adulto.

E nós, dende as bibliotecas, demandamos máis cantidade e variedade de cómics infantís e xuvenís. Para os lectores de hoxe, que serán ademáis o lectorado do futuro. Na Biblioteca Os Rosales vemos que os cómics debóranse, e con razón. Hai nada achegábamos 10 recomendacións para o público infantil e xuvenil e falabamos dalgunhas das novidades que están por vir ás nosas comictecas, para seguir enriquecendo as nosas coleccións de cómic.

De todo esto e moito máis, falaremos no próximo encontro de nais e pais con rapazas e rapaces de 8 a 12 anos. Veremos que o cómic é unha ferramenta fantástica para despertar o amor pola lectura.

Despois da boa experiencia co anterior encontro seguimos adaptando os encontros en familia á nova situación, dende a casa, a través da plataforma Zoom. Inscribídevos e enviarémosvos a ligazón para acceder. Só os nenos e nenas necesitan inscrición:

Imaxe da páxina web de inscrición ao encontro

¡Agardámosvos!