O pasado mércores 27 de maio tivemos a última sesión da atípica tempada 19/20 do club de lectura de cómics da Biblioteca Forum Metropolitano. O cómic elexido, ao igual que o anterior, veu condicionado pola situación de pandemia/alerta sanitaria e o posterior estado de alarma en todo o país. Tivemos que elexir un título que estivese dispoñible online polo que fixemos a selección entre as varias alternativas que as diversas editoriais ofreceron dentro da iniciativa #EuFicoNaCasa. De feito, e como non podia ser doutro xeito, o club tivo a reunión de maneira virtual a través do Zoom.

Finalmente o cómic proposto foi Los dientes de la eternidad / de Jorge García e Gustavo Rico e publicado por Norma Editorial. Dispoñible a través da web da Editorial #LeyendoNorma, por certo, segue a estar de acceso libre por se despois de ler este artigo queredes animarvos coa lectura.

Jorge García (guionista de “Cuerda de presas”) e Gustavo Rico (debuxante de “Las manos de Sophie Walter”) contan a odisea íntima dun home desintegrado pola sociedade e a culpa. Unha historia enmarcada na cosmogonía nórdica pero que trata conflitos existenciais dos seres humanos de todos os tempos. Estamos ante unha aventura mitolóxica ambientada en Noruega, a finais do século IX. O vello Gylfi traizoou ao seu amigo Einar e quere lavar esa culpa peregrinando ao Ásgard, fogar dos antigos deuses. Pero a súa viaxe non sae segundo o previsto, pois esa terra milagrosa atravesa o seu peor momento: hordas de demos ameazan as súas fronteiras desencadeando o crepúsculo dos deuses. Sen querer, Gylfi vese envolvido neste mítico combate.

Os deuses nórdicos que nos presenta Rico nada teñen que ver cos que nos amosa a Editorial Marvel nos seus cómics e posterior traslado ao cine, que son os que a maioría de nós coñecemos. Jorge García intentou ser o máis fiel á mitoloxía nordica, e o tándem de autores beberon directamente das Eddas de Snorri Sturluson. A nivel estructural mantense o modelo de obra clásica e atopámonos cuha linguaxe solemne no guión, tanto na narración coma na descripción que coloca os personaxes en situacion trascendente durante toda a historia.

Novamente, ao igual que a pasada lectura, a opinión foi xeralizada no tocante ao formato: a lectura dixital fíxose complicada e creemos que perdimos parte do seu atractivo ao non poder desfrutar da parte gráfica en papel. O aspecto visual e o traballo gráfico de Gustavo Rico impresionounos, ten moita personalidade, pero todos coindidimos en que as ilustracións a doble páxina non se percibían de forma clara na lectura en pantalla.

De maneira inicial a obra estaba pensada en dous volumes, de feito publicouse a primeira parte no 2011 en Edicions De Ponent, pero cinco anos despois Norma ideou nun integral a recuperación do primeiro exemplar e e os autores poideron completar a obra e ofrecer material novo para dar máis cohesión gráfica a todo o cómic. Dez anos tiveron que transcorrer dende a súa concepción ata verse publicado o resultado final, un período no que o guionista ata se plantexou deixar a BD.

Rematamos a sesión coa sensación de ter entre nós unha obra magna e trascendental que seguro merece un segundo achegamento, unha destas obras que se revaloriza con cada lectura.

Se queres ampliar máis sobre este cómic podedes consultar as seguintes recensións: