Chegou o momento de poñer punto e final á tempada 19/20 do Club de lectura de cómics da Biblioteca Municipal Forum Metropolitano. Un ano atípico que supuxo algúns cambios na organización do grupo, que implicaron un paso adiante na autoxestión, e que finalmente foi condicionado coa desgraciada situación de pandemia que supeditou o paso ás lecturas e reunións virtuais.

Este ano foi o da consolidación do grupo. Ademais, estableceuse como obxetivo dentro da planificación estratéxica das bibliotecas, que os clubs que levaran máis de tres anos pasaran a autoxestionarse, sempre co soporte da propia Biblioteca. E de maneira moi natural atopamos moita receptividade: os integrantes deron un paso adiante e o grupo fortaleceuse.

Imos lembrar as lecturas propostas nesta tempada. Como cada ano, intentamos que sexa o máis diverso posible en canto a xéneros, e sempre incorporamos algunha obra ou autor/a en galego. As dúas últimas foron en dixital facilitadas polo programa #LeyendoNorma:

As serpes cegas. – Un penetrante thriller de Felipe Hernández Cava e Bartolomé Seguí co opresivo pano de fondo da guerra civil española, onde o idealismo político verase violentamente sepultado pola traizón, o desencanto e o totalitarismo.

Misterios de un asesinato. – Poucos autores como P. Craig Russell souberon plasmar sobre o papel de debuxo o imaxinario de Neil Gaiman. Tras participar na multipremiada Sandman, ao longo dos anos tivo ocasión de adaptar diferentes historias en prosa do popular guionista e escritor, sendo este un dos títulos máis representativos.

Leñadoras. – Creado con mestría por Noelle StevensonGrace Ellis e Shannon Watters, estas combativas rapazas seguen asombrando aos lectores coas súas colosais fazañas que fusionan á perfección aventuras sobrenaturais e un claro canto á amizade verdadeira.

Watchmen. – Alan Moore e Dave Gibbons asinan a que posiblemente sexa a mellor historia de superheroes de todos os tempos, galardoada cos premios más prestixiosos.

Soy una matagigantes. – O guionista Joe Kelly únese a Ken Niimura para emocionarnos e sorprendernos coa historia desta nena de imaxinación desbordante que non se rende e enfróntase a un aterrador xigante.

Píldoras azules. – Peeters conta a súa relación con Cati, unha moza seropositiva, ao igual que o seu fillo de tres anos. Trátase dunha reflexión sobre o poder dos sentimentos, a vida, a morte, e a procura da felicidade.

BCN Noire. – 23 historietas de xénero negro coa cidade de Barcelona como escenario. Creadores xa consagrados e outros que veñen empuxando forte únense para radiografiar a urbe e convertela nun personaxe máis.

Los dientes de la eternidad. – Jorge García e Gustavo Rico contan a odisea íntima dun home desintegrado pola sociedade e a culpa. Unha historia enmarcada na cosmogonía nórdica pero que trata conflitos existenciais dos seres humanos de todos os tempos.

————————————————————————————-

Podes seguir toda a actividade do Club de lectura en Fancomic, seguindo a sección do Club de Lectura de Cómics. Ademais das reseñas, contamos como foron as reunións e as impresións dos seus participantes. Por suposto, anímote a comentar as entradas e participar no blog.

En setembro volveremos con novas lecturas e as posteriores reunións, que agardemos que xa sexan na propia Biblioteca. E se non, seguiremos no virtual, o que quedou demostrado é que nin unha pandemia pode co Club de Cómics.

Tes que estar atento, pois ao rematar o verán volveremos a convocar unha nova inscrición para todas aquelas persoas que queiran participar no club. Avisaremos en Fancomic, e a inscrición será online pero tamén terás toda a información na Biblioteca Forum.