O 28 de xuño de 1969, tiveron lugar os Disturbios de Stonewall, unha redada policial contra as persoas transexuais, travestís e homosexuais que se atopaban no pub coñecido como Stonewall Inn (entón, o bar gai máis famoso de Nova York) que finalizaron cunha persoa morta e centos de feridos. Estes disturbios sempre se mencionan como a primeira ocasión na que a comunidade LGTBI loitou contra un sistema que os perseguía, e son xeralmente recoñecidos como o catalizador do movemento moderno prodereitos LGTBI en todo o mundo.
As Bibliotecas Municipais, dentro da iniciativa As municipais entenden, están a realizar unha serie de accións e actividades para celebrar esta efeméride; e o grupo Fancomic súmase recomendando a lectura da obra El violeta.
Esta banda deseñada está publicada pola Editorial Drakul. Os seus autores son Juan Sepúlveda xunto ao guionista Antonio Mercero e a ilustradora Marina Cochet. Esta é a primeira incursión profesional na novela gráfica dos tres, e denuncia os abusos sufridos polos homosexuais na atmosfera da época franquista.
O cómic trasládanos a Valencia en 1955, conta a historia de Bruno, que cae nunha trampa tendida pola policía no cinema Ruzafa para deter homosexuais amparándose na lei de perigo social. A súa entrada no cárcere con tan só dezaoito anos, e a presión da súa familia, obrigaranlle a tomar decisións que marcarán o resto da súa vida.
Unha novela gráfica sobre a persecución que sufriron os homosexuais durante o franquismo, e a convivencia das mulleres que casaron con eles. Un relato que saca á luz os campos de concentración que creou o réxime e que historicamente están a ser esquecidos. En concreto fálase do campo de concentración de Tefía en Fuerteventura, unha das páxinas menos coñecidas e máis vergoñentas da nosa historia, que durante a ditadura franquista servía para a reclusión de presos comúns e políticos, e para a reeducación de homosexuais.
Un cómic que intenta coidar a nosa memoria histórica para que non se repitan os erros do pasado, denunciando unha represión continua. Hai que ter en conta que ata o ano 1978 non se eliminou a homosexualidade da lista de delitos perseguidos; e moito se tivo que agardar para derrogar a Lei na reforma do Código Penal de 1995.
Un cómic necesario e honesto que recomendamos dende a Biblioteca Forum. Ademais, este título está dispoñible para o préstamo dos Clubs de Lectura.
Se queres ampliar información sobre a historia e o cómic podes consultar os seguintes artigos:
- «La represión de los homosexuales durante el franquismo en Tefía salta al cómic». Diario de Fuerteventura.
- «Tefía, en la memoria». Babelia – El País.
- «’El violeta’, la historia en cómic de la represión franquista contra el colectivo LGTBI en Valencia». El Diario.
- «’El Violeta’, cuando los homosexuales eran encerrados en campos de detención». RTVE.
- «El cómic que muestra la represión a los homosexuales durante el franquismo». El País.
- «El infierno de ser gay durante el franquismo: muerte, soledad y campos de concentración». El Confidencial.