Compartimos a información de dous novos certames de Banda Deseñada convocados en Galicia:

==> IV Premios Provinciais á Xuventude

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Cohesión Social e Xuventude, pon en marcha a IV edición dos Premios Provinciais á Xuventude co ánimo de promover o talento e o potencial das e dos mozos da provincia. Este ano inclúen por primeira vez unha categoría dedicada á banda deseñada. 

Requisitos:

Esta convocatoria está dirixida a mozas e mozos de idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos e estar empadroadas en calquera dos concellos da provincia de Pontevedra.

Características:

As candidaturas poderán presentar unha obra de temática e estilo libre, con deseños en cor ou en branco e negro, con ou sen textos en galego ou en castelán. Unha extensión mínima de 2 e un máximo de 5 páxinas A4, numeradas, con deseños en cor ou en branco e negro.

Valoraranse, entre outros aspectos, a correcta utilización da gramática, o uso de figuras retóricas e literarias, a calidade e a orixinalidade da temática e dos deseños e as técnicas empregadas.

Premios:

• Primeiro premio: 1.000,00 euros

• Segundo premio: 600,00 euros

• Terceiro premio: 400,00 euros

Prazos: Do 1 de xuño ao 31 de agosto de 2020.

==> Premios de ensaio e banda deseñada da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo, a través da Área de Normalización Lingüística, convoca os Premios de ensaio e banda deseñada para o ano 2020.

Requisitos:

Poderán participar todos os membros da Universidade de Vigo. Porén, non poderá participar na modalidade de banda deseñada o profesorado que imparta docencia no Grao en Belas Artes.

Características:

Admítense traballos en branco e negro ou en cor cunha extensión mínima de 6 páxinas e máxima de 15, numeradas e con técnica libre. Dado que o certame se enmarca dentro do programa de dinamización da lingua galega, as obras deben estar escritas neste idioma. Por idéntico motivo, non se aceptarán obras mudas, ou aquelas nas que o uso de texto sexa marxinal, nin páxinas orixinais.

Premios:

  • 1º Premio de 700 €
  • Dous accésits de 250 €

Prazos: Do 03 de xullo ao 30 de setembro de 2020.