O cómic La divina comedia de Óscar Wilde, de Javier de Isusi, é a gañadora do Premio Nacional do Cómic 2020 que outorga o Ministerio de Cultura e Deporte. O premio ten unha dotación de 20.000 euros. Javier de Isusi dedicou cinco anos a traballar nesta obra, que reconstrúe os últimos momentos da vida do autor irlandés en París, alcoholizado, enfermo e incapaz de escribir unha liña.

Comicteca da Biblioteca Os Rosales

O xurado elixiu esta obra “pola seu guion perfectamente articulado cunha introdución e coda final que evocan a representación do teatro da vida, e unha brillante caracterización dos personaxes mediante o acertado recurso de entrevistas individuais”. Destacou ademais que “as ilustracións, moi suxestivas e ao servizo da narración, son o resultado dun excelente dominio da acuarela de tinta sepia, con sutís transparencias e diferentes planos de profundidade marcados polo virtuosismo no emprego tonal dunha mesma gama cromática”.

Óscar Wilde morreu exiliado en París en novembro de 1900 á temperá idade de 46 anos, tan só tres despois de saír de prisión, na ruína moral e económica, fortemente alcoholizado, incapaz de escribir unha liña. O escritor, dramaturgo e poeta irlandés entendía a vida como unha obra de arte e segundo dixo en numerosas ocasións era na súa vida onde puxera todo o seu xenio, mentres que na súa obra só o seu talento. Gustáballe mirarse no espello da Divina comedia e comparar os seus momentos vitais cos da obra de Dante. A súa vida é o drama perfecto de quen alcanzou todo o que o mundo pode ofrecerlle para logo perdelo de golpe.La divina comedia de Óscar Wilde, de Javier de Isusi, aténdose fielmente ao que se sabe da existencia do escritor, desborda eses límites para imaxinar o que podería pasar por dentro da súa alma neses tres últimos anos. Rende ademais unha homenaxe a toda a súa obra mediante citas e referencias textuais que transmiten boa parte das ideas de Wilde, todo iso contado a través dos seus encontros coas persoas que máis lle acompañaron durante ese período final.

Inframundo, de Pep Brocal, tamén publicada por Astiberri en 2019, foi a outra obra finalista e tédela dispoñible na colección das Bibliotecas Municipais. As nosas comictecas albergan todos os Premios Nacionais ata a data, así que non perdades a ocasión a facerlle seguimento ao mellor do cómic nacional: